Euskadi e Galicia exploran novas vías de cooperación
A líder do PP vasco, Arantza Quiroga, reivindicou este luns a “cooperación” entre comunidades para lograr que Euskadi e Galicia “protagonicen conxuntamente o Eixe do Arco Atlántico”, con impulso do corredor do Cantábrico como “ámbito inmediato” e a concreción dun espazo común en “eixe europeo de progreso”.
O corredor atlántico concentra máis de 80 millóns de habitantes e representa o 35 por cento do PIB da zona euro. Nese eixe, Euskadi atende o 50 por cento do tráfico de mercadorías entre a Península ibérica e o resto de Europa.
Na súa intervención no ‘Fórum Europa. Tribuna Galicia’, na que defendeu un proxecto baseado “na visión, o liderado e o rigor”, Quiroga defendeu ante o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, encargado de presentala, a necesidade de apostar pola cooperación e por entender que “unión é compatible coa diversidade”.
“Necesitamos visión para situarnos en Europa como país competitivo e aceptar a nosa pequenez no mundo, entender a nosa necesidade de cooperar e ser máis grandes para ser máis produtivos e vivir mellor”, subliñou.
Neste contexto situou a súa visita a Galicia e o encontro privado con Núñez Feijóo para abordar intereses comúns entre ambas as dúas comunidades. E é que, ao seu entender, agora ábrese “unha grande oportunidade” para ambas as dúas autonomías: a de “ocupar espazos en España e en Europa”, co “eixe vasco-galego” cun papel “fundamental”.
“Temos que protagonizar conxuntamente Euskadi e Galicia o eixe do arco atlántico e o corredor do Cantábrico é un ámbito inmediato, a nosa área de influencia económica e social, e o noso espazo rexional en Europa”, subliñou.
“MÁIS ALÁ” DAS INFRAESTRUTURAS
Quiroga remarcou que galegos e vascos, xunto con asturianos e cántabros, sitúanse no chamado Eixe Atlántico Europeo, o que permite unha posición como “bisagra” entre Portugal e Francia. Neste punto, insistiu na cooperación e na necesidade de “pasar das palabras aos feitos”.
Aínda que non aludiu a iniciativas concretas, avogou por ir “máis alá” das infraestruturas, claves para as comunicacións, e aproveitar potencialidades en áreas como a industria, a innovación e a cultura.
“Temos que liderar e converter este espazo nun eixe europeo de progreso, nun proxecto atractivo e esixente que hai que concretar”, remarcou Quiroga, partidaria de orientar o Estado das Autonomías “a un novo traballo” en rede” e pasar “do protagonismo das transferencias o protagonismo das iniciativas”.











