Especialistas da solidariedade e o voluntariado ofrecerán un ciclo de conferencias en Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurense
A-
A+

A concelleira de Voluntariado, Mónica Vázquez, presentou esta mañá no Salón de Plenos unha nova actividade que o Concello de Ourense organizará durante o mes de novembro, o ciclo “Conversas solidarias”. A iniciativa afondará, da man de expertos a nivel nacional no ámbito da solidariedade e voluntariado, en temas como a responsabilidade social empresarial, as finanzas éticas, a financiación europea ou o marketing social.

Dirixido gratuitamente a entidades sociais, tecido empresarial e cidadanía en xeral, ofrecerá novos enfoques nestes temas, á vez que servirá de antesala para a celebración do Día Internacional do Voluntariado, o próximo 5 de decembro.

A primeira das “conversas”, será o martes, día 4 de novembro, a partir das 19 horas no Centro Municipal Ánxel Valente. Da man de Fernando Sánchez, consultor estratéxico especializado na construción e desenvolvemento de proxectos, así como na comunicación e mellora comercial dos mesmos, ofrecerá a estudiantes e profesionais do ámbito social unha conferencia sobre “como construír un proxecto para que ao comunicalo cause impacto”.

O xoves, 13 de novembro, no Liceo de Ourense, a partir das 19 horas, a segunda das conversas adicarase a “finanzas éticas”, na que se informará á cidadanía sobre o funcionamento das institucións financieiras e a súa repercusión na actual crise económica, así como a estimulación da participación e acción cidadán no impulso de experiencias innovadoras. Participarán Raquel Doallo, representante de comunicación de FIARE en Galicia, e Joan Ramón Sanchís, profesor da Universidade de Valencia.

Xa o martes 18 de novembro na CEO, a partir das 16 horas, trataranse os fondos europeos aos que poden acceder as entidades no período 2014-2020, así como aspectos clave para a formulación de proxectos a presentar. O poñente será Roberto Bernard, consultor de proxectos sociais europeos e autor da “Guía de financiación europea, programas sociais 2014-2020”, editada pola plataforma de ONG de acción social.

Por último, o 25 de novembro na CEO, a partir das 18:30 horas, celebrarase unha conversa para achegar a solidariedade ao tecido empresarial, baixo o título da RSE márketing, solidariedade ou rendabilidade sostible. Sedrá impartida por Lorena Rodríguez, profesora de investigación de mercados da Universidade de Vigo e Isabel Ruiz, investigadora e docente da Universidade de Málaga especializada en relacións públicas, responsabilidade social e comunicación organizacional.

28 de outubro de 2014 | 14:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.