España inicia en Cangas a súa clasificación para o Europeo fronte á selección austriaca

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangasDeportesDeportes Portada
A-
A+

Os Hispanos de Cadenas están listos para librar a primeira batalla da fase clasificatoria para o Campionato de Europa de Polonia 2016 contra Austria na tarde de mañá, a partir das 20:30 h., no Pavillón Municipal de Deportes de O Gatañal de Cangas de Morrazo. Compromiso que é vital para o combinado español de cara a asegurar a súa presenza na cita continental de 2016, xa que Austria representa, xunto con Alemaña, o principal obstáculo para alcanzar o obxectivo. Cadenas asegura que “o Campionato de Europa de Polonia 2016 queda moi lonxe, pero o primeiro partido da fase clasificatoria está encima, contra Austria, e temos moi pouca marxe para preparar un choque de competición oficial, ante un rival que cada vez está máis preto dos mellores equipos do continente, e fronte ao que en Dinamarca non logramos impornos ata o tramo final”. Cadenas apunta a que a fortaleza do rival radica en “a calidade individual dos seus xogadores, que mellorou moi notablemente, xa que a maioría deles disputan a Bundesliga de Alemaña e iso fai deles un conxunto moi sólido en todas as facetas do xogo, con claras orientacións do xogo da man de Patrekur Jogannesson, que destaca na dirección”.

Respecto do persoal que presentan os Hispanos para o compromiso, Cadenas subliña o regreso de Arpad Sterbik porque “é unha gran noticia e unha alegría o poder contar co mellor porteiro do mundo outra vez, e ademais no estado de forma que está a demostrar co Vardar Skopje na Velux EHF Champions League”. O preparador español, ademais, valora moi positivamente que Mikel Aguirrezabalaga “regrese á dinámica do estilo de xogar de España co Abanca Ademar, recuperando protagonismo sobre a cancha e demostrando que atravesa por un gran momento de forma”. Para Cadenas, o feito de “ter a 6 xogadores en primeira liña, en lugar de 7, permite a xogadores como Gurbindo e Ruesga dispor dunha cantidade maior de minutos”. Analizando as primeiras xornadas da fase clasificatoria, Cadenas non oculta que “Austria é un dos rivais a bater e o partido é vital en caso de empezar con vitoria porque, sobre o papel, Finlandia debería estar por baixo do resto.

Austria, Alemaña e nós teriamos que loitar polas prazas para Polonia, pero o feito de que Finlandia estea na fase denota a súa progresión nos últimos anos”. E para finalizar, Cadenas afirma que está moi feliz de disputar o partido de mañá en Cangas de Morrazo, “un lugar emblemático para o balonmán español, e para min, particularmente, é un lugar moi especial pola cantidade de veces que gocei da atmosfera de balonmán que aquí hai, e agora vou ter o pracer de gozar diso cos Hispanos xogando como en casa: todos buscamos contaxiarnos do ambiente e a paixón desta afección e, así, brindarlles un gran partido que esperamos certificar cunha gran vitoria”.

28 de outubro de 2014 | 18:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.