Escolares galegos serán beneficiarios dunha póliza do seguro deportivo en idade escolar da Secretaría Xeral para o Deporte
Logo da recente adxudicación do novo contrato de seguro deportivo en idade escolar, a Secretaría Xeral para o Deporte vén de manter no día de hoxe unha reunión de traballo cos adxudicatarios para cerrar os pormenores da nova contratación.
A medida, que suporá unha inversión da Secretaría Xeral para o Deporte de 970.000 euros, garante a asistencia sanitaria derivada da actividade deportiva incluída na nova edición do programa Xogade, así como tamén de toda a actividade federada en idade escolar, isto é, dos nenos e nenas de 6 a 16 anos.
A nova póliza dá continuidade á actualmente en vigor, e estará vixente ata o vindeiro 14 de decembro de 2015, co que se garante a asistencia sanitaria permanente e continuada da práctica deportiva dos escolares de Galicia.
Galicia é a única Comunidade do Estado que recolle unha medida destas características, dirixida á promoción da práctica de actividade física e deportiva entre os seus escolares. Dende a súa implementación, na edición 2010/11, supuxo unha inversión de máis de 3.620.000 euros, co conseguinte aforro para clubs deportivos e familias.
Á marxe deste seguro deportivo en idade escolar, e no concreto caso do seguro deportivo dos futbolistas maiores de 16 anos que corresponde á Federación Galega, a Secretaría Xeral para o Deporte xa se puxo en comunicación con esta, instándolle a dar pronta solución ao conflito existente.











