Eliminada a vertedura en Barreiros
Os servizos de emerxencias conseguiron eliminar por completo en torno ás 18.00 horas a vertedura causada na localidade lucense de Barreiros a causa do xiro dun camión que transportaba mercadorías perigosas.
A Central de Atención a Emerxencias 112-Galicia recibiu sobre as 13.00 horas deste luns unha chamada na que se alertaba do xiro dun camión na estrada de acceso á autovía A-8, en Barreiros.
O camión envorcado transportaba 21 toneladas de roca de aluminio entre a factoría de Alcoa e Valladolid, segundo informaron fontes da Garda Civil. Como consecuencia do xiro, orixinouse unha vertedura de gasóleo e o camión perdeu tamén a súa carga.
Mentres duraron os labores de control da vertedura, os efectivos de emerxencias desaloxaron 10 persoas de vivendas próximas á zona e cortaron as saídas e entradas á A-8 por motivos de seguridade.
Ata que ás 18.00 horas se deu por concluído o operativo, os efectivos retiraron da calzada 21 toneladas de roca de aluminio, un produto que, en contacto coa auga, pode emanar gases tóxicos. No suceso resultou ferido o condutor do camión, que foi trasladado a un centro hospitalario.