Educación e Participación Cidadá de Mos informa sobre os servizos da OMIX
A concellería de Educación e Participación Cidadá que dirixe a edil mosense Kely Monzón continúa co seu programa de actividades nos centros educativos do Concello durante o horario escolar e, neste sentido, no IES de Mos ven de realizarse estes días unha iniciativa divulgativa sobre a OMIX, Oficina Municipal de Información Xuvenil, para que os alumnos de primeiro curso da ESO (Ensinanza Secundaria Obrigatoria) saiban da súa existencia e funcións para poder así beneficiarse das mesmas.
Como resposta a unha das principais funcións da concellería de Educación e Participación Cidadá, que é promover actividades e iniciativas que esperten o interese da xuventude do Concello de Mos, de xeito que se desenrolen as súas habilidades e capacidades, e dando continuidade ó traballo realizado no curso anterior, a concelleira Monzón explicou a este respecto que “consideramos imprescindible continuar a presentar a oficina da Oficina Municipal Xuvenil como recurso a disposición do alumnado dunha forma dinámica que lles resulte atractiva”.
Deste xeito, e como xa se dixo, a devandita presentación vai destinada ó alumnado de 1º da ESO, e durante a mesma expóñense os servizos que presta a OMIX, o persoal a disposición do cidadá e as vantaxes para os seus usuarios e usuarias, pero fomentando a implicación dos rapaces e rapazas do Instituto na exposición a través de dinámicas que promovan a participación activa.
A actividade constou de catro sesións (unha por clase de 1º da ESO: A, B, C e D) repartidas entre os días 27, 28, 29 e hoxe 30 de outubro, e delas beneficiáronse un total de 101 alumnos e alumnas.











