Dous ramais do enlace de Carballo oeste, na AG-55, permanecerán pechados mañá para reparar a capa de firme

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCarballoSucesos
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, por mor da reparación da capa de rodadura na autoestrada A Coruña-Carballo (AG-55), realizará mañá varios cortes de tráfico en dous ramais do enlace de Carballo Oeste, entre as 9 e as 15 horas aproximadamente.

Os traballos a executar centraranse na pavimentación co posterior curado do microaglomerado, así como a colocación e retirada da sinalización e o balizamento dos cortes e desvíos.

Estes cortes efectuaranse en dous ramais do enlace de Carballo Oeste, no punto final da autopista, manténdose o tráfico con desvíos provisionais.

Por unha parte, o peche do ramal de saída da AG-55 cara a Carballo terá como opción alternativa a realización de percorrido adicional de 1,8 km circulando pola estrada A Coruña- Cee (AC-552) en dirección Fisterra ata chegar a unha glorieta próxima na que se pode facer o cambio de sentido.

Por outra parte, o corte do ramal de entrada á AG-55 desde Fisterra obrigará a realizar un traxecto adicional dun km., circulando pola AC-552 en dirección Carballo ata chegar a unha intersección onde se pode realizar o cambio de sentido.

1 de outubro de 2014 | 13:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.