“Cos pés na terra” pon sobre da mesa o traballo de empresas moi próximas que ofrecen ideas para saír da crise

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

O Fórum acolle o xoves 30 e o venres 31 de outubro o congreso “Innovando, cos pés na terra”, unha cita que ten o obxectivo de poñer en valor o traballo de empresas “que están moi cerca de nós e que están poñendo en marcha proxectos tremendamente interesantes”, segundo explicou o presidente de Axober, Isidro Varela Bardanca, que resumiu as claves da proposta durante a súa inauguración. Así, as experiencias locais contrastaranse con proxectos chegados de fóra, de lugares tan dispares como Granada ou a Universidade de Stanford, para aprender sobre innovación, un dos factores que axudan a saír das crises económicas. Como colofón, a #55 Lacon Network, unha xuntanza que empresarios e emprendedores relacionados con Internet e as novas tecnoloxías realizan cada último venres de mes en distintas vilas galegas para intercambiar impresións e falar das novidades do sector. A apertura contou tamén coa presenza de Norberto Penedo, Director de Innovación do Igape (Instituto Galego de Promoción Económica) que quixo transmitirlle á organización os seus parabéns polo programa das xornadas, que serve “para coñecer o que se fai aquí e traer tamén o de fóra” crendo en que “hai posibilidades de futuro”. O Alcalde, Evencio Ferrero, pechou o acto, subliñando que “os novos indicadores amosan que a innovación será clave para saír da crise”, polo que hai que “buscar novas oportunidades” e “xerar actividades económicas con perspectivas de futuro”. Para rematar, desexou que as empresas presentes na iniciativa dean os seus “mellores froitos”. Galería da primeira xornada no Facebook do Concello, aquí.

O xoves o programa incluíu a presentación de iniciativas emprendedoras durante toda a mañá, deixando para a tarde un interesante obradoiro a cargo de Vermis Proyect, que, aplicando a metodoloxía da Universidade de Stanford, axuda a xerar produtos, porque, como explicaba Manuel Pan de Abertal Networks, coordinadora da iniciativa, “transformar unha idea nun produto require uns pasos que hai que seguir” e que tamén teñen o seu reflexo durante o congreso. Pola mañá, ata sete empresas da comarca expuxeron o seu proxecto e os pasos que foron dando ata chegar a logros tan importantes como gañar os premios Carballo Emprende, acadar unha expansión internacional que chega a 150 países, crear un exitoso portal de venda para “geeks” (fanáticos da tecnoloxía), ser quen de crear a webserie en galego máis vista, ser pioneiros na produción de maquinaria e de placas electrónicas, ou facerse un oco no novidoso mundo da impresión 3D. Comezaron Jesús González de José Manuel Suárez Gesto de Digiswitch®, unha empresa que foi quen de crear un sistema de instalación eléctrica a medio camiño entre a domótica e as instalacións convencionais que permite controlar os interruptores da luz programando o seu acendido con temporizadores, apagándoos ou acendéndoos a distancia e tamén mellorando a seguridade. Todo a un prezo moito máis reducido que no caso da domótica, mais cun sistema compatible para as casas que decidan implantala no futuro.

Continuaron dende Coristanco os responsables da revista profesional de fútbol e fútbol sala que une tecnoloxía e contidos deportivos Fútbol Táctico nun dos exemplos máis interesantes da xornada, cunha empresa que en oito anos ten pasado de colgar o primeiro número da revista na rede a chegar a 150 países e con importante presenza no mercado internacional en Brasil, China ou EEUU. Ofrece non só revistas con contidos de calidade con entrevistas a xogadores como Del Piero, senón tamén aplicacións informáticas para facilitar o traballo dos adestradores de fútbol, análises tácticas de partidos, cun especial sobre o pasado Mundial de Fútbol, ou que presume de logros como ser o último medio en entrevistar ao desaparecido Eusebio, co conseguinte eco do seu traballo en numerosos medios nacionais e internacionais. Nestes momentos, seguen medrando e tendo como obxectivo para 2015 ser “unha empresa de referencia no sector do fútbol”. O terceiro faladoiro correu a cargo de Bricogeek unha tenda e portal online para os “geek” ou fanáticos da tecnoloxía. Aseguran que están aprendendo pouco a pouco, e que unha das súas máximas é de “tratar ao cliente como quixeras que te tratasen a ti”. O seu obxectivo é combinar a distribución como tenda coa creación dos seus propios produtos. Algúns xa conseguiron venderllos a empresas como Telefónica ou bq.

A impresion 3D, o sector audiovisual ou o conserveiro

Na segunda quenda de intervencións estiveron Static Boards, con sede en Malpica, e que crean produtos para impresoras 3D. Defenden a calidade de vida fabricando produtos de novas tecnoloxías nunha vila pequena. En 2013 estiveron en Mundos Digitales 2013, o evento máis importante de España en animación 3D e industria VFX e son capaces de vender compoñentes dende Galicia a California. Tamén, en representación do sector audiovisual, interviron os carballeses Mamá Lola, produtora de recente creación especializada en marketing e publicidade creadora de “Un sitio distinto”, unha exitosa webserie en galego. Pola contra, con moitos anos de traxectoria estivo presente Herfraga, empresa carballesa especializada na exportación de maquinaria para a industria conserveira, que leva traballando dende 1930 e que produce 30 empacadoras por ano. Pechou a xornada de mañá Lupeón de Ordes, fundada a primeiros de 2013 co obxectivo de poñer a impresión 3D ao alcance de calquera empresa ou persoa, imprimindo os deseños dende a súa sede e enviándollos ao cliente. Durante a xornada realizaron unha demostración no vestíbulo do Fórum.

O programa do venres 31 de outubro, que comeza, tamén no Fórum, ás 11.00 horas, conta con tres personalidades destacadas no mundo da innovación: Paco de Pin, unha das persoas de referencia dentro da industria musical e do espectáculo desde fai máis de 20 anos; Antonio Muíños, unha referencia absoluta a nivel internacional da industria de transformación agroalimentaria; e Paco Morales, que desde o seu restaurante Noor de Granada ven de revolucionar o mundo da gastronomía a nivel mundial co lanzamento das Gastroimpresoras. Xa ás 14.00 horas, a #55 Lacon Network. O programa ao completo do congreso “Innovando, cos pés na terra”, que está organizado por Axober coa colaboración do Concello de Carballo, nunha ligazón máis abaixo nesta mesma nova.

30 de outubro de 2014 | 19:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.