Cores Tourís comproba as obras do Plan marco no camiño dos Tombos en Marín

Cores Tourís na visita a Marín
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá as obras que se executaron no camiño rural de os Tombos, en Marín, dentro do Plan Marco da Consellería de Medio Rural e do Mar en compaña da alcaldesa da localidade, María Ramallo.
Tamén estiveron presentes na visita o xefe territorial de Medio Rural, Miguel Dubois, e a xefa do Servizo de Infraestruturas Agrarias, Julia Pérez Pacios.
As obras, que contaron cun orzamento superior aos 44.200 euros, consistiron na mellora do camiño dos Tombos, no Xuncal, na parroquia de Ardán.
En concreto, os traballos supuxeron a formación da explanada, limpeza das marxes do camiño e foxos, así como a colocación de canaletas e arquetas de sumidoiros. Tamén se adaptaron as tapas dos pozos e as arquetas de rexistro, e formáronse cunetas triangulares no tramo do núcleo do igrexario. Finalmente, mellorouse a capa de rodadura con firme de aglomerado en quente.
“Sería interesante explicar tamén que, no caso da comarca do Morrazo (Marín, Bueu e Vilaboa), estanse a investir ao longo do presente ano un total de 152.711 euros dentro do Plan Marco que permite mellorar os camiños rurais. En total, no global da provincia de Pontevedra estanse a investir no 2014 para este tipo de traballos, 2,6 millóns de euros”, engadiu Cores Tourís.
O delegado territorial avanzou, ademais, que, para o exercicio 2014-15, o concello de Marín contará con 76.021 euros de cara a afrontar novos traballos de mellora de camiños rurais.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra aproveitou a visita a Marín para agradecer a colaboración dos alcaldes pola súa colaboración no desenvolvemento destes programas que “poñen de manifesto a sintonía da administración autonómica e os concellos para levar a cabo os programas deseñados para alcanzar unha mellora da calidade de vida da poboación rural”.
Nos últimos anos, a Consellería de Medio Rural investiu na provincia de Pontevedra máis de 35,7 millóns de euros en diversos programas de infraestruturas agrarias, tanto en traballos de emerxencia, mellora de camiños rurais, concentracións parcelarias, etc. No caso do concello de Marín, o investimento en mellora de vías rurais superou os 191.000 euros en obras de mellora das infraestruturas viarias de Pastoriza, Casal, na contorna do colexio de Seixo e nos Tombos, en Ardán.











