publicidade hoxe

Cores Tourís comproba as obras do Plan Marco na Cañiza

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CañizaPontevedra
A-
A+
Cores Tourís na visita á Cañiza

Cores Tourís na visita á Cañiza

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá as obras que se executaron en 5 camiños rurais situados nas parroquias de O Couto, Valeixe, A Franqueira e Achas de A Cañiza dentro do Plan Marco da Consellería de Medio Rural e do Mar en compaña do alcalde da localidade, Miguel Adolfo Domínguez e polo xefe territorial da Consellería de Medio Rural e do Mar, Miguel Dubois.

As obras, que contaron cun orzamento de arredor dos 85.000 euros, consistiron na mellora do camiño de Cerdeira e de Santa Baia-Morrazón en O Couto, así como do camiño de Chans en Valeixe, do Cebreiro en Franqueira e de Frangosa en Achas.

Na parroquia de O Couto melloráronse 120 metros do camiño de Cerdeira, que conta cun ancho de 3,5 metros. “O seu aglomerado atopábase bastante deteriorado cun pequeno ramal de 36 metros que necesitaba ser saneado, polo que foi necesario abrir caixa para estender unha capa de zahorra de 15 centímetros de espesor a glomerarse con bituminosa en quente ao longo de toda a súa lonxitude”, explicou Cores Tourís. No caso do camiño de Santa Baia-Morrazón, a lonxitude mellorada foi de 394 metros, cun ancho medio de 4,5, actuándose na zona máis deteriorada no lugar de Santa Baixa. Fíxose tamén limpeza de marxes e aplicouse aglomerado en quente.

No caso do camiño de Chans na parroquia de Valeixe, actuouse en 140 metros de lonxitude e en 10 metros de entronques, limpándose as beiras, varrendo a superficie e aplicando tamén mestura bituminosa en quente. “Aproveitouse para mellorar a rede de pluviais con 50 metros de tubaxes e facer dous sumidoiros para a recollida de augas”, engadiu o delegado territorial.

No camiño de Cebreiro en Franqueira realizouse a mellora usando formigón sobre grava de regulación ao longo de dous tramos de 90 e 75 metros, ademais de executarse 8 metros de sumidoiros para eliminar augas residuais. E finalmente, tamén se actuaron en varios tramos do camiño de Frangosa, en Achas, onde se melloraron 490 metros con ancho variable aplicándose bituminosa en quente, limpando as beiras e drenando a superficie para colocar 4 metros de sumidoiros e 2 arquetas para a recollidas de augas pluviais, así como 4 metros de canaleta e 75 metros de colector.

“Sería interesante explicar tamén que, no caso da comarca do Condado-A Paradana, investiranse ao longo do presente ano un total de 221.500 euros dentro do Plan Marco que permite mellorar os camiños rurais. En total, no global da provincia de Pontevedra estanse a investir no 2014 para este tipo de traballos, 2,6 millóns de euros”, engadiu Cores Tourís.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra aproveitou a visita a A Cañiza para agradecer a colaboración dos alcaldes pola súa colaboración no desenvolvemento destes programas que “poñen de manifesto a sintonía da administración autonómica e os concellos para levar a cabo os programas deseñados para alcanzar unha mellora da calidade de vida da poboación rural”.

Pola súa banda, o alcalde da localidade, Miguel Adolfo Domínguez, agradeceu a colaboración da Xunta cara a mellora dos camiños do rural e engadiu que seguirán a traballar dende o concello para continuar solicitando as axudas de Plan Marco de cara a continuar a reformar este tipo de vías.

Nos últimos anos, a Consellería de Medio Rural investiu na provincia de Pontevedra máis de 35,7 millóns de euros en diversos programas de infraestruturas agrarias, tanto en traballos de emerxencia, mellora de camiños rurais, concentracións parcelarias, etc. No caso do concello de A Cañiza, o investimento en mellora de vías rurais roldou os 560.000 euros, executando tarefas de reforma a mellora do camiño Escribana do Torgo en Parada de Achas, a reforma da vía A Rua-Valeixe, ou en diversas infraestruturas rurais de Tallós, Aráns, Rañadoiro, O Barreiro, Oroso, Porto Augavella, Carracedo, Sobradelo e Parada de Franqueira.

1 de outubro de 2014 | 17:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.