Cores Tourís comproba as melloras de camiños rurais en tres parroquias de Tui

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraTui
A-
A+
Cores Tourís na visita a Tui

Cores Tourís na visita a Tui

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta mañá as obras que executaron para a mellora de varios camiños rurais das parroquias de Pazos de Reis, Paramos e Caldelas de Tui dentro do Plan Marco da Consellería de Medio Rural e do Mar.

Nesta visita estivo tamén acompañado polo alcalde do municipio, Moisés Rodríguez, e pola xefa do Servizo de Infraestruturas Agrarias, Julia Pérez Pacios.

Trátase da reforma das pistas do lugar de Poboanza en Pazos de Reis; do lugar de Cigoeñeiras en Paramos e do lugar do Calvario en Caldelas, nas que se actuou sobre un total 534 metros de lonxitude.

Segundo explicou o delegado territorial, no caso do camiño de Pazos de Reis, leváronse a cabo traballos de formación de subbase con xabre compactado, pavimentación do firme asfáltico de 6 centímetros de espesor e a formación dunha cuneta de 30 metros de lonxitude. En total, actuouse ao longo de 165 metros cun ancho medio de catro metros, executándose outras obras accesorias, ocmo a reposición de tapas de arquetas, remates, sinalización e limpeza.

No lugar de Cigoeñeiras, en Paramos, limpouse o vial existente, aplicouse xabre compactado, pavimentouse con firme asfáltico de 6 centímetros de espesor e tamén se repuxeron arquetas, remates e sinalización. A obra afectou a un total de 215 metros cun ancho medio de 4,5 metros.

Finalmente, no lugar do Calvario, en Caldelas, tal e como engadiu José Manuel Cores Tourís, aplicouse xabre compactado, pavimentouse con firme asfáltico de 6 centímetros d espesor e se aplicaron as mesmas obras accesorias que nos dous camiños anteriores. En total, actuouse sobre 154 metros de lonxitude cun ancho medio de 3,5 metros.

“O investimento total na mellora destes camiños rurais foi de case 48.000 euros”, matizou o delegado territorial, quen recordou que, no caso da comarca do Baixo Miño, estanse a investir, ao longo do presente ano, un total de case 300.000 euros dentro do Plan Marco que permite mellorar os camiños rurais. “En total, no global da provincia de Pontevedra estanse a investir no 2014 para este tipo de traballos, 2,6 millóns de euros”, engadiu Cores Tourís.

Segundo avanzou o delegado territorial, para o exercicio 2014-15, o concello de Tu contará con 101.032 euros de cara a afrontar novos traballos de mellora de camiños rurais.

José Manuel Cores Tourís, aproveitou a visita a Tui para agradecer a colaboración dos alcaldes pola súa colaboración no desenvolvemento destes programas que “poñen de manifesto a sintonía da administración autonómica e os concellos para levar a cabo os programas deseñados para alcanzar unha mellora da calidade de vida da poboación rural”.

Nos últimos anos, a Consellería de Medio Rural investiu na provincia de Pontevedra máis de 35,7 millóns de euros en diversos programas de infraestruturas agrarias, tanto en traballos de emerxencia, mellora de camiños rurais, etc. No caso do concello de Tui, este investimento superou os 400.000 euros, en obras como a mellora de infraestruturas viarias no camiño da Veiga, no camiño de Malvas e de Sambade, entre outros.

27 de outubro de 2014 | 19:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.