publicidade hoxe

Cores Tourís clausura as brigadas de loita contra incendios da Mancomunidade do Umia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraPortas
A-
A+
Cores Tourís na clausura das brigadas

Cores Tourís na clausura das brigadas

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, presidiu esta mañá o remate dos contratos das brigadas municipais na Mancomunidade do Umia nun acto que se celebrou na sede desta institución, na casa consistorial de Portas.

No acto estivo tamén presente o alcalde de Portas e presidente da Mancomunidade, Roberto Vázquez, así como os alcaldes de Moraña, Luisa Piñeiro, de Cuntis, Antonio Pena, e o de Caldas de Reis, Juan Manuel Rei. A maiores tamén estivo presente no acto o xefe territorial de Medio Rural e Mar, Miguel Dubois.

En total, traballaron na prevención e defensa do monte ante os incendios nestes catro concellos 40 persoas en 8 brigadas grazas a un convenio entre Mancomunidade e Consellería do Medio Rural e do Mar que supuxo un investimento por parte da administración autonómica e dos concellos de 217.476,96 euros. Na presente campaña, ademais, contaron con oito vehículos, dos cales tres son de recente adquisición. Na provincia de Pontevedra actuaron en total 115 brigadas e 591 brigadistas.

En concreto, durante estes meses, as brigadas levaron a cabo rozas manuais, rareo e eliminación de restos en 50 hectáreas, co obxectivo de levar a cabo labores de prevención. Tamén executarán traballos de vixilancia e extinción que serán concretadas en todo momento polo responsable do distrito forestal correspondente baixo o mando único descrito no Plan de Defensa e Incendios de Galicia.

As labores das brigadas executáronse tanto dentro do ámbito municipal como, en caso de necesidade, noutros puntos do distrito. De feito, as brigadas actuaron na loita contra incendios nun total de 211 lumes e conatos na provincia de Pontevedra, dos cales 20 corresponden á área da Mancomunidade do Umia. Isto supuxo unha superficie total afectada de 113,87 hectáreas na provincia, das que 11,08 na Mancomunidade do Umia.

Estas brigadas xurdiron a raíz da colaboración entre a administración autonómica e local grazas a un convenio que permitiu a posta en marcha de equipos humanos de prevención e defensa contra os incendios forestais durante os meses de maior risco de lume. Deste xeito, puidéronse contratar brigadas de 5 persoas, tendo en conta que estes equipos humanos e materiais foron subvencionados pola administración autonómica. Pola súa banda, os municipios comprometéronse, ademais, a limpar terreos forestais de titularidade municipal ou de propietario descoñecido.

Durante o acto de despedida dos brigadistas, o delegado territorial agradeceu a súa labor no eido da protección e coidado dos montes, e destacou a rapidez coa que se chegou a tódolos incendios. “Cremos que a experiencia das brigadas municipais foi, novamente, moi satisfactoria, xa que veu a demostrar que se fixo un traballo eficaz e rápido, en especial, a raíz de que os traballadores eran veciños destes concellos e coñecían a zona, o que permitía atallar máis rapidamente os focos”, matizou José Manuel Cores Tourís.

Pola súa banda, o alcalde de Portas, Roberto Vázquez, destacou que estas brigadas centraron a súa labor en traballos de limpeza e prevención, “e ademais permitiron dar un desafogo económico as familias dos seleccionados que traballaron durante estes tres meses”.

Operativo de loita contra o lume

Estas brigadas viron a complementar os equipos previstos no operativo de loita contra o lume organizado baixo o mando único da Xunta de Galicia e recollido no Pladiga, e que conta, na provincia de Pontevedra, cos mesmos medios que o ano pasado: 51 brigadas de terra, 2 equipos helitransportados e persoal propio de empresas dedicadas a esta labor, así como 14 vehículos-motobomba.

Paralelamente a todo este equipo humano, dirixido por técnicos e axentes forestais, a Consellería de Medio Rural e do Mar tramitou dous convenios máis cos concellos da provincia de cara a mellorar a prevención e loita contra o lume.

Deste xeito, 21 concellos de Pontevedra sumáronse ao convenio de participación na prevención de incendios forestais mediante a realización de tratamentos preventivos en vías e camiños de titularidade municipal. Esta iniciativa supuxo a limpeza de 3.200 quilómetros.

31 de outubro de 2014 | 17:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.