publicidade hoxe

Cores Tourís avalía co alcalde de Oia os danos causados no municipio polo pasado temporal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOiaPontevedra
A-
A+
Cores Tourís en Oia

Cores Tourís en Oia

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou esta tarde o concello de Oia para analizar co alcalde desta localidade, Alejandro Rodríguez, os danos causados pola forza da auga durante o pasado temporal, así como para estudar posibles solucións.

Na visita estivo acompañado polo xefe territorial de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, José Luis Díez, quen xa estivo na zona o pasado xoves, día 16, tras a fortes choivas, acompañado do Xefe do Servizo da Axencia Galega de Infraestruturas de Pontevedra, Fausto Núñez.

Cores Tourís visitou a estrada que une Baiona con A Guarda, que permaneceu pechada ao tráfico durante a xornada do pasado xoves a causa das fortes precipitacións. A crecida do río Seco causou arrastres de pedra, cantos rodados e terra que invadiron a calzada, afectando especialmente as inmediacións da estación de servizo de Viladesuso.

O delegado territorial recordou que os operarios da Conservación Integral de Estradas da Zona Sur de Pontevedra traballou durante esa xornada de xeito continuado para limpar a zona e ata deixala en perfecto estado de forma que se abriu ao tráfico rodado ás 2 da madrugada. “En total, movéronse arredor de 350 metros cúbicos de terras”, matizou Cores Tourís.

O responsables da Delegación Territorial tamén aproveitou para coñecer o estado dun tramo do carril bici que foi executado en terra e que, tralas choivas, presenta danos no seu firme. De feito, o alcalde e o delegado analizaron as vías posibles para a mellora deste tramo, así como a solicitude do municipio dunha reforma do mesmo á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

Labor das brigadas forestais

Na visita o delegado territorial estivo tamén acompañado do xefe do Servizo de Incendios de Pontevedra, Manuel Francisco, xunto con quen comprobou a labor que están a desenvolver as brigadas forestais nos montes desta comarca, catro delas con sede no Rosal e outras dúas en Tui.

As 2 brigadas con base en Tui están a traballar en terreos da comunidade de montes de Ribadelouro, mentres que as 4 con base no Rosal o están a facer na comunidade de montes de Viladesuso en Oia.

“Estas 4 brigadas teñen como base o concello de O Rosal, por contar este municipio con oficina comarcal da Xefatura Territorial de Medio rural, dado o seu peso específico no sector agrario, e facilitar un espazo nas instalacións do concello para a ubicación deste colectivo”, explicou Cores Tourís.

“Sen embargo, a súa labor a están a desenvolver en Oia, dado que as brigadas da Xunta están a traballar nos espazos das comunidades de montes conveniadas coa administración autonómica. No concello do Rosal non existe ningunha comunidade de montes que teña esta característica”, explicou Cores Tourís, quen ademais, quixo agradecer a este concello a súa colaboración “xa que nos facilita o espazo base para as brigadas e, ademais, no verán, ofrece unha oficina para que os técnicos do Servizo de Incendios poidan atender aos veciños que solicitan permisos de queimas e corta”.

Na actualidade, están a traballar seis brigadas nos montes da comarca do Baixo Miño, catro delas en Oia e outras dúas en Tui. “A incorporación das brigadas foi gradual ao longo dos pasados meses. Os actuais brigadistas traballarán ata o 25 de novembro, realizando labores de roza e mantemento tanto nas 315 hectáreas coas que conta a comunidade de montes de Ribadelouro como nas 500 de Viladesuso. A Xunta de Galicia quixo así ampliar os meses de traballo das brigadas forestais tendo en conta que o mes de outubro podería ser complicado tras un verán tan chuvioso como o que tivemos”, explicou Cores Tourís.

21 de outubro de 2014 | 19:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.