Conde sinala a Netex como exemplo de empresa que fai da innovación a súa cultura

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaOleiros
A-
A+
Conde na visita a Netex

Conde na visita a Netex

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, visitou hoxe as instalacións de Netex, onde puxo a esta compañía coruñesa como exemplo de empresa que fai da “innovación a súa cultura” permitíndolle competir nun “mercado internacional moi competitivo” como é o de sistemas de e-learning. “Netex leva xa dez anos desenvolvemento a súa actividade na Coruña, sendo unha mostra clara de emprendemento, innovación, e internacionalización”, subliñou Conde, quen sinalou que a empresa está sabendo competir a través de solución innovadoras, e ten presenza en 27 países.

Netex ofrece unha solución integral ás necesidades das empresas no ámbito da formación corporativa mediante o desenvolvemento de tecnoloxías innovadoras de learning. Dita solución permite, a través de varias ferramentas, a creación, distribución e xestión da formación dixital, incluíndo todo o software necesario para a súa xestión ben a través do catálogo desenvolvido en colaboración con expertos e prestixiosas universidades como a de Cambridge, ou ben feitos á medida para grandes compañías multinacionais ou pequenas empresas.

Nos últimos anos, a compañía tense posicionado ademais no mundo editorial e no sector educativo, facilitando o desenvolvemento e acceso aos produtos a través de aplicacións móbiles. “Hoxe, medio millón de mozos e miles de traballadores de importantes multinacionais se forman grazas aos produtos dun grupo de emprendedores coruñeses”, explicou Conde.

Neste contexto, o titular de Economía e Industria sinalou que a compañía conta xa con tres oficinas en India, Reino Unido e México, e emprega a un centenar de persoas, 80 delas en Galicia, tendo previsto novos plans de negocio que contarán co apoio do Goberno galego, que cofinanciará o investimento do grupo para consolidar o seu negocio actual e desenvolver produtos e canles de distribución de formación dixital.

“A través de XesGalicia apoiamos unha actividade innovadora, competitiva, e que nos está permitindo exportar coñecemento desde Galicia”, sinalou Conde. Este apoio se suma á colaboración mantida coa Axencia Galega de Innovación desde o 2009 para impulsar melloras nos seus procesos, de feito que a compañía percibirá, en total, máis dun millón de euros neste período de tempo.

Deste xeito, resaltou Conde, Netex busca adaptar as súas solucións de software a novos mercados, xerar novos postos de traballo, e abrir durante o 2015 unha oficina en EEUU, un país que capta hoxe en día o 52% do mercado mundial en formación empresarial.

20 de outubro de 2014 | 16:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.