Concello de Ferrol e Sociedade Galega de Historia Natural colaboran “Coñecendo o universo”
A concelleira de Educación do Concello de Ferrol, Susana Martínez Galdós, asinou hoxe un convenio de colaboración co coordinador da Sección de Astronomía e Contaminación Lumínica da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), Paulino Gasalla. Este acordo de cooperación ten como finalidade contribuír ao desenvolvemento da sétima edición do programa educativo “Coñecendo o universo” entre o alumnado dos centros escolares da cidade durante o curso académico 2014-2015. O Concello de Ferrol destina un total de 3.360 euros para este proxecto.
“Coñecendo o universo” permitirá aos alumnos e alumnas coñecer o ceo a través de diferentes actividades nas que abordarán temáticas como a esfera celeste, a lúa e o sol, as estrelas, os planetas ou as constelacións. Tamén estudarán o uso do planisferio, os cúmulos, nebulosas e galaxias. Estas actividades realizaranse en catorce sesións, dende o 11 de novembro ata o 22 de xaneiro, e terán lugar os martes e xoves, a partir das 19:00 horas, na aula de Reciclaterra. Os grupos por sesión poderán contar cun máximo de 25 alumnos e serán recollidos nos centros escolares para ser trasladados ás instalacións de Reciclaterra.
Pola súa banda, o coordinador da Sección de Astronomía e Contaminación Lumínica da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), Paulino Gasalla, destacou o alto nivel de participación que rexistra este programa ano tras ano. Neste senso, informou que dende a posta en marcha de “Coñecendo o universo”, participaron nesta actividade arredor de 2.000 rapaces e rapazas (unha media de 300 por ano). Unha actividade que, segundo sinalou, xa conta con diferentes centros educativos interesados en participar.











