Comezan as obras de mellora das rúas do centro urbano do Carballiño
O plenario carballiñés aprobou hai meses a solicitude de varias rúas, xa incluídas no mapa urbano do Carballiño, á Xunta de Galicia, propietaria aínda das mesmas. Na citada sesión plenaria tamén se acordou que só recibirían estas rúas sempre que o organismo autonómico as entregase en perfecto estado.
Esas rúas son Martínez Avellanosa, Julio Rodríguez Soto, e Conde Vallellano. Este xoves comezarán os traballos, encargados desde a Xunta de Galicia, para deixar estes viarios en perfecto estado antes da súa cesión ao concello.
Estes traballos van obrigar a realizar varios cortes de tráfico, os cales se tentarán que sexan os menos perxuidiciais para os veciños e propietarios de garaxes nesas zonas. Os primeiros traballos serán en Martínez Avellanosa, desde a Casa Azul até a rotonda da Alameda. As accións nesta rúa executaranse o xoves e o venres desta semana, estando cortada a todo tráfico rodado a xornada do venres, mentres que o xoves poderán circular os propietarios de garaxes.
O mesmo venres cortarase o primeiro tramo de Julio Rodríguez Soto, desde a Alameda até a praza de abastos, para poder colocar a maquinaria necesaria. O resto desta rúa estará afectada as obras os días 27 e 28 de outubro, buscándose por parte da Policía Local rutas alternativas para dar servizo sobre todo ás rúas lindeiras.
Finalmente o mércores 29 e o xoves 30 executaranse os traballos na rúa Conde Vallellano, coas mesmas características que nas anteriores, primeiro un fresado de toda a capa de rodaxe, para posteriormente proceder ao seu asfaltado e compactación.
Desde a Policía Local procederase a informar puntualmente aos veciños de cada rúa sobre estes traballos, alertando da necesidade de que estas rúas queden libres de vehículos aparcados nas mesmas. Así mesmo os axentes locais estarán durante os días que duren as obras, controlando o tráfico nesas zonas, para informar aos condutores, así como aos veciños e propietarios de garaxes.











