Comezan as obras de aglomerado da estrada da Bidueda
A finais da semana pasada comezaron os labores de reparación da estrada que une o Chao coa Bidueda. Unha obra adxudicada en case 149.000 euros á empresa Saavedra y López, que agarda deixala lista nos próximos 15 días. Por esta razón cómpre ter precaución ao volante cando se circule pola zona. Hai maquinaria traballando e, ademais, a pista parece máis estreita do que é de por si despois de que retirasen a terra das cunetas.
A limpeza das beiras da estrada é a primeira fase dunhas obras que rematarán co aglomerado completo dun dos principais eixos de comunicación entre as parroquias de Naraío e Igrexafeita e o centro urbano. Son 3,4 quilómetros de trazado que levarán un firme de 4,5 metros de ancho moito máis resistente que o asfalto convencional pero tamén moito máis caro. Á hora de adxudicar as obras puntuouse especialmente o espesor da capa de rodadura co obxectivo de que o acabado sexa o mellor posible e que á pista non haxa que tocarlle en varios anos.
Durante esta semana rematarase coa limpeza das cunetas e prevese que o aglomerado propiamente dito se inicie a principios ou mediados da que vén. Sempre que o tempo acompañe, claro, xa que as empresa é reacia a traballar chovendo polas consecuencias negativas que tería na durabilidade da obra.
O arranxo da pista entre o Chao e a Bidueda foi unha demanda que xurdiu nas xuntanzas dos orzamentos participativos hai xa catro anos. O Concello tomou nota da petición veciñal e reservou o proxecto ata obter financiamento por medio dalgún dos programas anuais convocados por outras administracións. Desta maneira o pleno de marzo deste ano aprobou destinar á obra os fondos do programa provincial DTC 93.
Porén, o retraso na publicación da convocatoria obrigou ao Concello a aprobar unha modificación de créditos co obxectivo de reflectir o importe das obras no orzamento municipal. A modificación non entrou en vigor ata o mes de agosto e a partir de aí a administración local tivo vía libre para iniciar os trámites de contratación, que quedou resolta a finais de setembro. A obra saiu a concurso en 149.900 e Excavaciones Saavedra y López fíxose con ela rebaixando o prezo en case 1.000 euros e propoñendo como mellora un aumento considerable do grosor do firme.











