Comezan a instalarse as lámpadas leed na avenida Rosalía de Castro
A firma Industrias Eléctricas de Galicia (Inelga) comezou esta mañá os traballos de mellora e modernización do alumeado público na avenida Rosalía de Castro e rúas perpendiculares. O Concello inviste 50.215 euros nos traballos que consistirán na substitución das luminarias actuais de vapor de sodio de alta presión por outras tipo leed de baixo consumo enerxético. En total cambiaranse 106 lámpadas. Os traballos rematarán este mesmo mes de outubro.
Os traballos comezaron esta mañá polo extremo da avenida Rosalía de Castro Castro máis próximo a Carril e, en concerto, polas rúas perpendiculares que enlazan co paseo marítimo, e continuaron pola vía principal.
A actuación precisa dun investimento de 50.215 euros que se financiará a través dos fondos europeos concedidos ao abeiro das liñas de axuda para e eficiencia enerxética e a achega municipal ascende a 9.000 euros. Os traballos comezarán de xeito inmediato e consistirán na substitución de 106 puntos de luz por lámpadas de leed de baixo consumo.
O proxecto comprende toda a avenida, dende o Ramal ata a rotonda de Carril, así como as rúas e calexas perpendiculares que desembocan nela (Rúa A Concha, as que dan acceso á praia e ao paseo marítimo, a do instituto de Carril….).
Esta medida encádrase na liña de actuación que está a seguir o Concello nos últimos tempos co obxecto de reducir custes no subministro eléctrico. Outras das actuacións levadas a cabo neste sentido foron a elaboración dunha auditoría enerxética nas instalacións e servizos municipais, a posterior revisións de contratos coas empresas subministradoras para axustar as potencias de consumo e modificar as tarifas para acollerse ás máis económicas dentro das necesidades reais existentes.
Proxecto conxunto no que participan 9 municipios da zona
Para buscar financiamento para esta actuación, o Concello de Vilagarcía subscribiu un convenio de colaboración don outros 8 municipios da zona (Caldas de Reis, Catoira, Meaño, Meis, Poio, Pontecesures, Ribadumia, Sanxenxo) para presentar un proxecto común co que acceder á liña de axudas convocadas polo Instituto Enerxético de Galicia para que os concellos poidan renovar a iluminación pública exterior dos seus municipios con criterios de aforro e eficiencia enerxética. O proxecto conxunto ten un custe superior ao medio millón de euros (538.575,13) dos cales serán subvencionados 457.788,86. Cada Concello deberá aportar 9.000 euros para a obra a desenvolver no seu territorio e tamén será cada administración local quen contrate as súas obras.











