Comeza unha nova campaña do programa diúrno de balnearios “Coidarte”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra pon en marcha unha nova campaña do programa diúrno de balnearios “Coidarte”, co obxectivo de que poidan participar nel o maior número de persoas.

Na fase do programa que está agora en marcha están a participar preto de 1.800 persoas, que gozan de cinco tardes en establecementos termais da provincia a prezos reducidos.

En concreto, os balnearios ofertados, ós que tamén poderán acudir os que se inscriban nesta segunda fase, son o Spa Torre do Deza de Lalín, Spa Norat do Grove, Talaso Spa de Moaña, Talaso Atántico de Oia, Balneario de Mondariz, Hesperia Isla La Toja e Termas de Cuntis.

Tras a aprobación pola Xunta de Goberno desta segunda campaña de “Coidarte” o Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra publicará a convocatoria, e as persoas interesadas poderanse inscribir desde esa data ata o 30 de novembro.

Este programa, dirixido a persoas maiores de 50 anos, xubilados, pensionistas ou persoas que precisen dun respiro familiar, ten un triplo obxectivo: fomentar o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas maiores, permitir que persoas que dedican boa parte da súa vida ó coidado de enfermos ou dependentes poidan ter un descanso e dinamizar o sector turístico.

O programa será subvencionado pola Deputación e polos concellos que se adhiran a el con 35 e 10 euros respectivamente para cada praza.

25 de outubro de 2014 | 12:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.