publicidade hoxe

Comeza unha campaña de información sobre o Plan de emerxencia exterior de Foresa Caldas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCaldas de ReisPontevedra
A-
A+
Santiago Villanueva en Caldas de Reis

Santiago Villanueva en Caldas de Reis

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta, en colaboración cos concellos de Caldas de Reis e Portas, vai iniciar unha campaña de información sobre o Plan de Emerxencia Exterior (PEE) de Foresa Caldas.

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, presentou hoxe a campaña, coa que se pretende transmitir á poboación do entorno da industria os consellos de autoprotección que deben seguir no caso de que se produza un accidente na instalación, que supoña a activación do PEE.

Na presentación tamén participou o delegado da Xunta en Pontevedra, Jose Manuel Cores Tourís; o alcalde de Portas, Roberto Vázquez; o alcalde de Caldas, Juan Manuel Rey; o subdirector xeral de Planificación e Protección Civil, José Gil de Bernabé; representantes da empresa e técnicos do sistema integrado de emerxencias e protección civil .

O director xeral de Emerxencias, Santiago Villanueva, subliñou a importancia da prevención e, sobre todo, a necesidade dunha coordinación efectiva entre todas as administracións e as propias empresas co fin de atallar posibles incidentes e acadar unha maior seguridade para os cidadáns.

Información a poboación e simulacro

O Plan de Emerxencia Exterior de Foresa Caldas inclúe sesións informativas aos responsables dos colexios e ANPAs dos arredores, centros sanitarios e garderías. Ademais, tamén se levarán a cabo charlas cos responsables dos colectivos da zona e coa poboación máis próxima ao establecemento. Nestas sesións entregaranse folletos informativos sobre o PEE nos que se recollen as pautas de actuación a seguir.

Así mesmo, tal como avanzou Villanueva, está previsto que a campaña remate coa realización dun simulacro de activación do Plan antes de fin de ano. Neste exercicio, os responsables de emerxencias da Xunta activarán a sirena de aviso á poboación para que a veciñanza se familiarice co seu son.

Desde a Xunta quérese destacar a importancia da aposta pola prevención, como mellor ferramenta de resposta ante as posibles emerxencias. Por iso o Goberno galego está levando a cabo campañas de implantación dos plans de emerxencias en toda a Comunidade, cuxo obxectivo final é chegar á poboación afectada para que coñeza a maneira na que debe actuar no caso de accidente químico e dar a coñecer a actuación das diferentes administracións para o éxito da resolución da hipotética emerxencia.

As normativas europea -directiva SEVESO- e estatal obrigan ás administracións públicas a elaborar e implantar planes de emerxencia nas instalacións que empregan determinados produtos químicos a partir de certas cantidades umbrais. Precisamente atendendo a esta esixencia, Galicia conta con 9 plans para a industria química que afectan a 13 instalacións.

21 de outubro de 2014 | 17:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.