Cociña con castaña no Centro Comercial Arousa
A castaña de Galicia, unha das máis valoradas en todo o mundo polas súas excelentes calidades culinarias e polas súas propiedades nutricionais, e a única a nivel nacional con denominación de orixe que garante a súa calidade –Indicación Xeográfica Protexida (IGP) Castaña de Galicia-, será o ingrediente protagonista do novo taller de cociña que terá lugar no Centro Comercial Arousa o vindeiro xoves 23, a partir das 20:00 h., na segunda planta.
O curso, de carácter gratuíto e impartido como é habitual pola chef e especialista en alimentación e nutrición Marian Rodríguez, contará tamén coa presenza dun experto do IGP Castaña de Galicia, que mostrará aos asistentes as principais características dos froitos amparados baixo este selo de calidade e obtidos a partir dos cultivos autóctonos galegos do castiñeiro europeo (Castanea Sativa, Mill.). Tamén explicará os estritos controis de calidade aos que son sometidos previamente á súa comercialización en fresco ou despois de transformación, conxelados, secos ou noutros formatos (purés, fariñas, Marrón Glacé…), así como outras curiosidades sobre a introdución do seu cultivo en Galicia, os seus principais mercados, posibles usos gastronómicos ou valores nutricionais.
Os participantes terán a oportunidade de valorar por si mesmos as extraordinarias propiedades e posibilidades culinarias que ofrece a castaña de Galicia a través de tres receitas que, como mostra, elaborará Marian Rodríguez a continuación: won-ton de castañas, queixo de Arzúa e toffee de bagazo; bolos de vento de castañas e bacallau con vinagreta de mel; e como sobremesa, tartaleta doce de castañas e chocolate con froitas glaseadas.
As receitas de Cociña con Castaña de Galicia estarán dispoñibles na páxina web do centro www.ccarousa.com unha vez finalizado o taller, que estará aberto ao público até completar aforamento.
Máis sobre Castaña de Galicia
Galicia produce máis da metade da castaña de España e anualmente comercializa, para consumo humano e en máis de 60 países, entre 15 e 20 millóns de quilos de Castaña de Galicia. De feito, o 90% da castaña galega consómese fóra das fronteiras da comunidade, concretamente preto do 60% no resto de España e o 40% no exterior.
A castaña de Galicia está considerada como un produto de alta calidade – a Unión Europea incluíuna en 2010 no rexistro de denominacións de orixe con calidade- caracterizado por posuír un sabor doce e unha textura firme non harinosa; un pericarpio fino, de cor marrón claro e brillante; e un epispermo (membrana) que penetra lixeiramente na semente e que se separa facilmente ao mondar a castaña.
Trátase ademais dun dos froitos secos con menor contido calórico – case un 50% menos que o resto- e ofrece un alto achegue enerxético, fundamentalmente debido ao seu alto contido en potasio e baixo en sodio, que xera que o seu consumo resulte adecuado para persoas con colesterol. A ausencia de gluten faino tamén apropiado para as persoas intolerantes a esta proteína.











