Clases de zumba e baile latino na Casa da Cultura de San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

A zumba é unha franquicia do fitness procedente de Colombia que mestura o exercicio físico, o entretemento e a cultura nunha sesión de baile. É en esencia unha festa na que se exercita o corpo ao ritmo da música internacional e con coreografías moi doadas de seguir. Por outra banda, o baile latino recolle estilos como a salsa, a bachata, o merengue, a cumbia, o cha cha cha, ou a roda cubana. Ritmos que esperaron nos últimos anos un grande interese entre o público, debido en parte a que as orquestras máis populares tiran constantemente deles nos seus repertorios. Para atender a crecente demanda de aprendizaxe, a empresa Espacio Garabatos ofrecerá clases en San Sadurniño tanto de zumba como de baile latino. As inscricións hai que facelas antes do 31 deste mes chamando ao 674 40 66 08 ou no correo-e olaiacoordinadora@espaciogarabatos.com

As prazas son limitadas e será necesario xuntar grupos de polo menos 10 persoas para levar a cabo cada actividade. No boletín Novas deste mes indicábase que o zumba se desenvolvería no pavillón municipal, mentres que o baile tería lugar na Casa da Cultura. Porén, a deficiente acústica do recinto deportivo para oír a música provocou que, finalmente, as dúas actividades se impartan na Casa da Cultura. 

Para baile latino hai dous horarios entre os que elixir: os luns e os mércores de 19 a 20 h., ou ben de 22 a 23 h. Neste caso ofértanse 20 prazas.

No caso da zumba haberá tamén distintos horarios, aínda que marcados pola idade das persoas participantes. Así, de 6 a 13 anos as clases serán os martes e xoves de 18 a 19 horas e unha hora despois -de 19 a 20- para quen teña de 14 anos en diante. Para esta disciplina hai dispoñibles 30 prazas por cada un dos grupos.

Os obradoiros desenvolveranse desde novembro ata xuño cun prezo por actividade de 20 euros mensuais para as persoas de San Sadurniño e de 25 para as de fóra. Na zumba poderán collerse aboamentos de cinco clases sen data de caducidade durante o curso por un prezo de 15 euros para persoas empadroadas ou de 17 para quen resida noutros municipios.

Hai que apuntarse antes do día 31 de outubro e está previsto que as clases comecen o día 3 de novembro. Para ver de que vai isto da zumba e do baile latino, a empresa organizadora ofrecerá unha exhibición este serán entre as 19 e as 20 horas na Casa da Cultura. Quen pase por alí poderá probar a ver se lle gusta e incluso inscribirse xa no momento. Outra forma de facelo é chamar ao 674 40 66 08 ou mandar un correo a olaiacoordinadora@espaciogarabatos.com.

23 de outubro de 2014 | 11:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.