publicidade hoxe

Círculo Cultural, Recreativo e Deportivo do Puntal e Concello de Neda compartirán o uso da Casilla

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNeda
A-
A+

O alcalde de Neda, Ignacio Cabezón Lorenzo, e o presidente do Círculo Cultural, Recreativo e Deportivo do Puntal, Eladio Romero, asinaron un convenio de colaboración polo que o Concello cederá á entidade o uso da Casilla de Legoeiros do Puntal, rehabilitada o pasado ano cunha achega de Agader. Un convenio cunha vixencia de cinco anos que se enmarca no obxectivo municipal de promocionar e favorecer o movemento asociativo con fins culturais, sociais e deportivos a favor da veciñanza.

Nesta liña, ese uso será compartido por parte do Círculo e o propio Concello que, coa oportuna comunicación, poderá programar tamén actividades e accións neste inmoble municipal. De igual xeito, o uso por parte do Círculo tampouco exclúe as actividades que outras entidades de ámbito social, cultural ou veciñal estivesen interesadas en programar nestas instalacións municipais.

Neste caso, os promotores das citadas iniciativas deberán comunicarllo previamente ao Círculo. E, sempre que o Concello precise utilizalas para accións de interese municipal –actos electorais, cursos, reunións…- terá preferencia absoluta no seu uso coa comunicación previa ao Círculo. Este, pola súa banda, encargaráse de abonar os custes proporcionais de luz e auga e a responsabilidade do coidado, así como dos danos que puidesen derivarse do seu uso.

O Concello atende deste xeito unha petición social co que se tenta darlle máis vida á Casilla despois da súa rehabilitación o pasado ano. Proceso posible grazas ás xestións do alcalde ante a Xunta, anterior propietario, e que derivaron na cesión da mesma ao Concello. Posteriormente, o goberno municipal presentaba o proxecto de recuperación do edificio ante a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, que financiaba o 85% das obras cunha aportación de 88.000 euros.

20 de outubro de 2014 | 11:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.