Cerdedo finaliza os traballos de prevención de incendios forestais
O Concello de Cerdedo finalizou os importantes traballos de prevención de incendios forestais que se realizaron durante toda a época estival.
Estes traballos de prevención e defensa de incendios forestais baseáronse en 3 grandes liñas de traballo que foron:
– Posta a disposición da brigada de operarios municipal para participar en caso de incendios forestais nas tarefas de extinción. Ademais púxose a disposición a maquinaria existente como tractor cisterna de auga, tractores de roza e maquinaria lixeira.
– Convenio asinado coa Consellería de Medio Rural para realizar tratamentos preventivos en vías e camiños de titularidade forestal. Estes traballos finalizaron esta semana e realizáronse en viarios de acceso aos núcleos de poboación, limpezas interiores, etc… En total foron preto de 80 hectáreas as que se rozaron e para iso percibíuse unha subvención da Xunta de Galicia de 130 € por hectárea. Estas tarefas desenvolvéronse segundo o plan de traballos presentado polo Concello ante o Distrito ao comezo dos traballos e sempre baixo a coordinación e supervisión dos axentes forestais. En breve estes técnicos, acudirán ao termo municipal para realizar as medicións oportunas dos traballos e certificar o fin dos mesmos. Destacar que o Concello realizou estas tarefas co seu propio persoal e medios materiais para así poder desenvolver unha maior cantidade de hectáreas.
– Convenio asinado coa Consellería de Medio Rural para a defensa de incendios forestais mediante a actuación dunha brigada de prevención e defensa. O Concello acudiu a este outro convenio para garantir en caso de incendios o ter unha brigada composta por 5 membros de persoal especializado. Estas 5 persoas desenvolveron os seus traballos até esta semana e ademais das tarefas de extinción propias, realizaron importantes traballos tamén de rozas, neste caso en parcelas de titularidade municipal e completar así as tarefas realizadas cos operarios en relación ao anterior convenio. En total rozaron ao redor de 12 hectáreas. Isto ademais permitiu a contratación de veciños de Cerdedo para realizar estes traballos e inserilos eventualmente no mercado laboral e así adquiriron unha importante experiencia que a recado lles valerá no seu futuro persoal e profesional.
Con todos estes traballos unha vez máis o equipo de goberno encabezado por José Balseiros vén demostrar a gran preocupación que ten polo tema dos incendios forestais e durante este ano con todas estas actuacións lográronse minimizar os riscos na zona e non se padeceron incendios importantes.











