Cerdedo analiza a contratación e definición de actuacións a realizar segundo o PEIM 2014

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCerdedo
A-
A+
Traballos de medición

Traballos de medición

O Alcalde de Cerdedo acompañado de técnicos municipais e o encargado da brigada de operarios visitou diversas zonas de cara á contratación e definición de actuacións a realizar segundo o PEIM 2014: programa de mellora de camiños de titularidade municipal.

Estas actuacións hai que realizalas segundo o Plan Marco de medio rural e Fondos europeos en camiños que unan núcleos de poboación entre si ou ben con explotacións agrogandeiras, quedando excluídos os traballos en vías interiores de núcleos de poboación de máis de 500 habitantes.

Estes camiños han de ser de titularidade municipal. As actuacións que se poden realizar son: ampliación do viario, mellora do firme existente e das drenaxes ou mantemento de marxes e firme.  

Seguindo estas liñas, as actuacións realizaranse nos seguintes lugares:

– Melloras no núcleo de Vilalén e viario que une Vilalén e Filgueira

– Melloras no viario que une Os Castros-Tresaldeas-Piñeiro

Consistirán as obras de mellora en:

– Melloras no núcleo de Vilalén e viario que une Vilalén e Filgueira: asfaltado do actual firme que se atopa moi deteriorado debido ao paso do tempo e ás inclemencias climatolóxicas que cos temporais danaron este viario. Igualmente tras a instalación da canalización de pluviais e instalación de reixas e drenaxes, este firme nunca se repuxo no seu perfecto estado e de aí a necesidade desta actuación. Actuarase nuns 600 metros. O novo viario realizarase con asfalto bituminoso mesturado en quente.

– Melloras no viario Os Castros-Tresaldeas-Piñeiro: asfaltado do actual firme e drenaxes transversais para eliminar a auga do viario e minimizar así o perigo do mesmo. Este viario tamén se atopa en moi mal estado de conservación debido ao paso do tempo e aos temporais. A actuación será nun tramo de preto de 300 metros. O novo viario realizarase con asfalto bituminoso mesturado en quente.

O importe total das actuacións ascende aos 74.000 €.

Nestes días os servizos técnicos municipais traballarán en desenvolver o concurso e todo o procedemento administrativo para a execución das obras no menor tempo posible. O procedemento iníciase coa solicitude da actuación, e coa elaboración do proxecto técnico da obra e certificacións de titularidade do viario.

Posteriormente levantarase a acta de non inicio das obras por parte da Xunta de Galicia e recibirase a aprobación final de Agader. Esta actuación ten que estar finalizada e xustificada antes de xuño do 2015.

22 de outubro de 2014 | 19:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.