Cedeira conclúe a redacción do proxecto do primeiro Centro de Día para maiores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCedeira
A-
A+

O alcalde de Cedeira, Luis Rubido, anunciou esta mañá a intención do goberno local de crear o primeiro Centro de Día da vila na segunda pranta do edificio do Auditorio Municipal. As futuras instalacións, duns catrocentos metros cadrados, irán destinadas ás persoas maiores de Cedeira, que recibirían nelas atención personalizada e poderían acceder a terapias ocupacionais e animación sociocultural ou tratamentos de rehabilitación menor.

Así mesmo, o rexidor avanza que, ademáis, incluiráse unha unidade de atención social no centro para persoas enfermas de Alzhéimer ou doutro tipo de demencias. Nesta liña, o rexidor informou de que, tras meses de traballo, o proxecto está xa redactado e nel se recollen as liñas mestras da actuación, orzamento e prazos. Agora, o seguinte paso a dar será licitar as obras e, tras a súa adxudicación, iniciar os traballos previstos. Así mesmo, Luis Rubido avanza que a xestión se sacaría a concurso, co ánimo de que empresas e entidades puidesen asumila. A elección do emprazamento baseouse, segundo explicou o alcalde, en varios factores: económicos e sociais, fundamentalmente.

Dunha banda, as obras de reforma deste espazo serían moito máis económicas respecto a outras opcións como levantar un novo inmoble e, ao tratarse de traballos de carácter menor, aceleraríanse prazos. Así, o orzamento de licitación que estima o proxecto é de 73.335,01 euros, asumible para a Administración local. E, doutra banda, amplíanse os usos do edificio do Auditorio respectando o seu carácter sociocultural (recordar que na actualidade é sede do Departamento de Servizos Sociais e un dos principais contenedores culturais de Cedeira). Deste xeito, daríase cumprimento á demanda crecente que existe na vila, que pasaría a contar cun centro social fundamental nestes tempos.

Así as cousas, o citado espazo –na actualidade funciona como cafetería- dispón dunha superficie de 400 metros cadrados distribuídos nunha ampla sala diáfana, aseos, cociña completa, almacén e unha segunda sala de menor tamaño. As obras de reforma dirixiránse á creación dun hallrecepción; tres baños adaptados; unha sala polivalente para terapias; comedor; sala de rehabilitación; despachos (atención ao público, administración e dirección); sala de xuntas; sala de atención controlada e sala de curas; dous almacéns, e un cuarto da limpeza.

14 de outubro de 2014 | 12:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.