CC.OO. ve irreal a Galicia descrita por Feijóo ao que reprocha demagoxia e pide utilizar a autonomía
Comisións Obreiras (CC.OO.) ve “irreal” a Galicia descrita polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao que reprocha “demagoxia” ao referirse ao paro na comunidade e pide “facer uso da autonomía de que dispón”, tras o seu discurso este martes no Debate sobre o Estado da Autonomía.
O sindicato reproba “demagoxia”, en concreto, ao basearse Feijóo nos datos interanuais do paro. “Efectivamente, o paro diminuíu nos últimos 12 meses. Non obstante, a redución debeuse sobre todo a factores estacionais, á creación de emprego precario e a que 12.000 persoas abandonaron o mercado laboral galego no último ano”, advirte a responsable de emprego de CC.OO., Maica Bouza.
Con todo, a través dun comunicado de prensa, valora que o titular do Goberno galego anunciase a intención de que as políticas autonómicas teñan as persoas como principais destinatarias. A central reclámalle “empezar polas 238.000 que están en paro ou polos 32.000 fogares nos que non entra ningún ingreso”.
Para a organización, Feijóo “deixou ver” na súa intervención que o Goberno central “non defende axeitadamente os intereses galegos”, polo que, ao respecto, pide “deixar de queixarse do mal que o tratan os seus para facer valer o peso de Galicia en Madrid”.
Por outra banda, se o problema da Xunta é a falta de recursos, advirte, “a autonomía non é soa unha declaración de principios”. Por iso, insta o xefe do Executivo a “facer uso da autonomía da que dispón para así impulsar outras políticas”.
Comisiones solicita a Feijóo “valentía” para derrogar a lei de estabilidade presupostaria e aplicar as marxes fiscais “propios de Galicia”, co obxectivo de incrementar os recursos propios e financiar os servizos públicos.
“O que non a pode é falar de situar as persoas no centro das políticas e, ao mesmo tempo, que a xente pase meses á cola da Risga sen que lle resolvan a solicitude por falta de diñeiro ou ter uns servizos públicos deteriorados e camiño da privatización”, censura Bouza.
INDUSTRIA E NATALIDADE
En canto á situación industrial, sinala que o presidente galego “só tivo palabras positivas en canto á carga de traballo” para os estaleiros ou a boa marcha de Citroën”.
“Non obstante, a realidade é que Ferrol está afundido na miseria, o naval vigués continúa á expectativa con Pemex e a automoción espera que PSA se faga cun novo modelo”, avisa, e engade críticas ao feito de que “nada dixo de sectores estratéxicos como o eólico, nin dunha aposta decidida polo I+D+i”.
Por último, CC.OO. censura a política da Xunta en relación á natalidade, porque, na súa opinión, a xente “non ten fillos a cambio de deducións de 100 ou 200 euros” e o que necesita é “emprego, servizos públicos, posibilidades de conciliación”.











