Carlos Negreira felicita aos axentes que detiveron aos atracadores dunha xoiaría
O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, felicitou aos axentes da Policía Local que este mércores detiveron a dous homes que fuxían tras atracar unha xoiaría da cidade, na rúa Rúa Nova.
“A miña máis sincera e afectuosa felicitación aos axentes de Policía de Barrio pola súa rápida intervención”, sinala o rexedor nun comunicado no que destaca a coordinación desta patrulla cos efectivos dos coches radiopatrulla, os policías en moto e un policía da Unidade en bicicleta.
Da investigación do atraco, fíxose agora cargo o Corpo Nacional de Policía “para tratar de pescudar se hai máis persoas implicadas”, indica o Concello.
Por outra banda, precisa que a localización dos atracadores, até a súa detención, foi posible grazas tamén ao seguimento desde a Sala de Pantallas de Tráfico e á axuda dun axente da Garda Civil que estaba fóra de servizo.
Tras coñecerse o roubo, o alcalde acudiu tamén até a xoiaría para transmitir aos donos e aos empregados “un saúdo afectuoso de todos os coruñeses”, sinala o Consistorio no seu comunicado.











