Carlos Negreira agradece ao presidente do Museé Picasso París a colaboración na exposición ‘O primeiro Picasso’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaGalicia exteriorLocal Portada
A-
A+
Carlos Negreira xunto a Laurent Le Bon

Carlos Negreira xunto a Laurent Le Bon

O alcalde da Coruña, Carlos Negreira, agradeceu hoxe persoalmente en París a Laurent Lle Bon, presidente do Musée Picasso París, a súa colaboración coa exposición O primeiro Picasso, que se celebrará o próximo ano no Museo de Belas da Coruña, entre febreiro e maio, e que está organizada polo Concello e a Fundación Emalcsa, en colaboración coa consellería de Cultura e co Museu Picasso de Barcelona. Con esta mostra conmemorarase o 120 aniversario da primeira exposición individual do pintor, realizada en febreiro de 1895, nun local comercial da rúa Real coruñesa.

Carlos Negreira deu as grazas a Lle Bon por “o enorme esforzo” que fixo o Musée Picasso de París para colaborar coa exposición coruñesa do próximo ano, pois cederá obra a pesar de que a pinacoteca volve abrir as súas portas esta semana tras cinco anos pechada. As pezas coruñesas do artista malagueño constitúen unha parte fundamental da colección “e o museo parisiense terá que prescindir delas en parte, durante tres meses e ao pouco da súa reapertura, para cedelas ao primeiro Picasso”, subliñou o rexedor coruñés, quen tamén puido agradecer persoalmente a Anne Baldassari, anterior presidenta do Musée, o apoio que esta ofreceu á exposición coruñesa desde un primeiro momento.

O alcalde destacou que esta invitación aos actos de reapertura do Musée e este encontro con Lle Bon supoñen ademais unha “aposta internacional” ao proxecto de potenciación da etapa coruñesa Picasso emprendido polo Concello coruñés desde a súa chegada a María Pita. “París, Antibes, Málaga e Barcelona, que son os museos picassianos máis importantes do mundo, están a valorar o noso traballo”, destacou, precisando, a continuación, que os dous museos que hai en Málaga, o de Antibes e o de Barcelona tamén colaborarán co primeiro Picasso.

O encontro entre Negreira e Lle Bon –a quen o rexedor regalou dous libros de temática coruñesa– tivo lugar hoxe pola mañá na sede do Musée Picasso Paris, onde o alcalde percorreu –acompañado polo persoal de confianza do presidente do Musée– as salas da remodelada pinacoteca, cuxa exposición se abre precisamente con dúas obras realizadas polo artista andaluz na Coruña, A rapariga dos pés descalzos e O home da gorra.

O rexedor coruñés, que acudiu á capital francesa acompañado pola tenente de alcalde María Luisa Cid, cualificou de “extraordinarias” as novas instalacións do Musée Picasso París, remodeladas e ampliadas tras un investimento de 31 millóns de euros. O Musée, inaugurado en 1985 e que posúe unha colección de 5.000 pezas que abarcan todas as etapas da obra do artista malagueño, reabrirá as súas portas ao público o vindeiro venres 25 de outubro.

20 de outubro de 2014 | 18:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.