Carballo integra a compostaxe nos centros de ensino cun programa no que xa participan os CEIP Bergantiños, Fogar e Gándara-Sofán
Os nenos e nenas dos centros de ensino de Carballo poden xa optar a participar nun proxecto de compostaxe escolar no que aprender as claves do proceso de creación de compost contando coa supervisión do profesorado do propio colexio e de persoal de Adega (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia). Así, grazas á colaboración entre o Concello, a entidade ecoloxista e o persoal docente, a experiencia comezou a finais do pasado curso no CEIP Gándara-Sofán, os pioneiros na iniciativa. Así mesmo, o Horto Infatil Ecolóxico (na imaxe) tamén ten dende maio pasado o seu propio composteiro e os cativos e cativas xa teñen obtido a primeira mostra que empregaron para fertilizar os seus cultivos. Neste curso téñense sumado ao proxecto os CEIP Bergantiños e Fogar, nos que estes días estanse celebrando as primeiras charlas formativas a cargo de Adega sobre a xestión dos residuos e o funcionamento da compostaxe, ademais de realizarse a dotación de material. Segundo explica María Lafuente, vogal de residuos de Adega e coordinadora do proxecto, o obxectivo é reducir o máis posible o volume de lixo que se envía a Sogama e ao mesmo tempo “recuperar a esterqueira de toda a vida e pechar o ciclo do tratamento de residuos orgánicos dende a nosa propia casa”. Os nenos e nenas poderán levar os refugallos para depositar nos composteiros e realizar o seguimento do proceso coa axuda do profesorado e de Adega, xa que, aínda que o obxectivo e que cada colexio cree compost pola súa conta, nas primeiras etapas do proceso é necesario certo grao de control e aprendizaxe.
En total, o proxecto conta nestes momentos con catro composteiros (o do Horto e un por cada colexio) cos que os cativos e cativas traballarán para saber que cantidade de auga, de residuos orgánicos ou de material estruturante é necesaria para acadar un compost de calidade e evitar ao mesmo tempo os malos olores, xa que un compost ben feito non xera cheiros. Mentres que no CEIP Bergantiños a primeira charla formativa tense celebrado o martes 28 de outubro, está previsto que no Fogar se leve a cabo nos próximos días. No CEIP Gándara-Sofán xa están nunha segunda fase do proxecto, polo que xa se ten celebrado unha segunda sesión na que resolver as dúbidas que se teñen ido presentando dende o comezo do proceso. Segundo explica Lafuente, ademais de a creación do compost en si, outro dos obxectivos do programa é inculcar o hábito de reciclar os residuos orgánicos, que se ven reducidos nunha quinta parte durante o proceso. Así, por cada 50 kilos de refugallos créanse 10 de compost. Os cativos e cativas poderán ver os resultados do seu labor entre cinco e sete meses despois do comezo do proceso, e está previsto que empreguen o produto resultante ben nas zonas verdes no propio centro de ensino ou, naqueles centros que xa están integrados no Horto Infantil Ecolóxico, como é o caso do Bergantiños e do Gándara-Sofán, nos seus propios mini hortos e invernadoiros.
Hai que lembrar que o Concello de Carballo está apostando decididamente pola compostaxe, en primeiro lugar co programa de Compostaxe Caseira de Carballo Limpo no que participan 50 vivendas unifamiliares dos veciños e veciñas que así o teñen solicitado. E agora levando o proceso aos máis cativos e cativas para educalos na reciclaxe e na responsabilidade medioambiental, no só a través do Horto Infantil, senón a través dos centros de ensino.











