Cambre promociona o Camiño Inglés cunha placa con código QR

Inauguración da placa con código QR
Co obxectivo de proporcionar información sobre o Camiño Inglés, o Concello de Cambre estreou hoxe unha placa cun código QR na Reitoral de Sigrás. O alcalde de Cambre, Manuel Rivas, o concelleiro de Cultura, Santiago Ríos, e membros da Asociación de Veciños de Sigrás asistiron hoxe á colocación dunha placa que dará información do camiño e da igrexa de Sigrás mediante unha aplicación móbil.
Mediante unha placa no exterior das instalacións, accédese a detalles sobre o Camiño Inglés e o propio conxunto histórico artístico da parroquia. Esta iniciativa conta coa colaboración de Tesouros de Galicia que levou a cabo un estudo do camiño en semanas pasadas co fin de promocionar esta vía de peregrinación. O fin deste código inscrito na placa é promocionar a ruta e difundir as súas virtudes. Os códigos QR son accesibles mediante smartphones ou tabletas, que analizan a imaxe coa cámara e remiten directamente á información contida en Internet sobre o protagonista. Esta placa con código QR é a primeira que se instalou en Cambre. Tesouros de Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro creada para a dinamización e posta en valor do patrimonio da comunidade. Por mor deste proxecto, os máximos representantes da INTO (International National Trusts Organisation), colectivo dedicado á conservación do patrimonio, visitaron recentemente Cambre no marco da segunda etapa do Camiño Inglés.











