publicidade hoxe

Cabanas pon en marcha un programa de compostaxe doméstica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCabanas
A-
A+

O Concello de Cabanas en colaboración con SOGAMA ten posto en marcha un programa de compostaxe doméstica e recollida selectiva. Con tal fin vaise levar a cabo o reparto de composteiros de forma gratuíta entre as persoas que se apunten neste programa así como levarse a cabo cursos formativos que axuden as familias interesadas a coñecer de forma axeitada o proceso a seguir. Para tal fin abrirase un prazo de inscrición que rematará o próximo 14 de novembro para que as persoas interesadas poidan presentar as súas solicitudes a través do Rexistro Xeral do Concello de Cabanas.

Os requisitos que deben cumprir aquelas persoas que desexen participar no programa serán as de contar cun espazo axeitado na súa horta ou xardín así como dispoñer de cultivos nos que empregar o abono que se obterá nos composteiros. As vinte e cinco primeiras persoas que se apunten no programa terán prioridade para asignárselles o material axeitado para participar.

A compostaxe doméstica é o proceso de descomposición biolóxica dos materiais orgánicos xerados no fogar, como é o caso dos restos de comida e podas, obtendo un produto final, o compost, que se pode empregar como acondicionador de solos nos propios xardíns e hortas das vivendas que o fabrican.

Búscase con este programa reducir o volume global dos residuos producidos mediante a reciclaxe da materia orgánica en orixe. Tamén se busca eliminar ou, polo menos, minimizar o excesivo uso de fertilizantes químicos así como minorar o número de desprazamentos que os habitantes do rural deben realizar ós contenedores, polo xeral distanciados das vivendas debido á grande dispersión da poboación.

31 de outubro de 2014 | 14:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.