Beiras di que Feijóo é un pozo sen fondo de indecencia e cre que a oposición se debía levantar
O voceiro do Grupo de Alternativa Galega de Esquerda (AGE), Xosé Manuel Beiras, manifestou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, é un “pozo sen fondo de indecencia” e asegurou que os terroristas –“metaforicamente” falando, puntualizou– “están en San Caetano”, onde se sitúan as dependencias da Xunta.
Na súa análise tras finalizar o seu discurso no Debate sobre o Estado da Autonomía o mandatario autonómico, Beiras tamén xulgou que, “ao cuarto de hora” de iniciarse a intervención de Feijóo, que tachou de “recital de indecencia e desfachatez”, a oposición debía abandonar o hemiciclo.
“A indecencia e a mentira ten un límite, sobre todo cando se fala nunha cámara de representantes. Non podemos falar de discurso: foi un recital de falta de escrúpulos, unha demostración de que o presidente da Xunta é un pozo sen fondo de indecencia; non se pode facer o que fai de fai impunemente”, sinalou.
Beiras denunciou que “é mentira todo o que dixo o presidente da Xunta, e recriminou que “mesmo se apropia dos logros feitos” por outros gobernos”, ao respecto do que puxo o exemplo das depuradoras impulsadas polo bipartito citando o seu compañeiro de bancada, o socialista Pachi Vázquez.
O veterano político asegurou que “o que merecía” o presidente é que “todos deputados de oposición a cuarto de hora de estar a aguantar semellante recital de indecencia, desfachatez, caro e falta de escrúpulos”, se “erguesen”.
“VIVEN DA FRAUDE, ESTAFA E CORRUPCIÓN”
“E que falase para os únicos que están de acordo con el porque viven do mesmo: da fraude, da estafa, da corrupción xeneralizada”, apostilou, antes de asegurar que iso é a “gangrena” das institucións do Goberno da Xunta e do Estado.
Neste punto, Beiras referiuse a que, “ao parecer, o problema é o terrorismo”, para advertir de que “os terroristas están, metaforicamente, no Goberno do Estado e en San Caetano”.
“Eses son os que matan xente todos os días, son os que provocan que a xuventude teña que irse fóra, son os que provocan que centos de miles de familias non reciben un duro cada mes”, abundou, antes de censurar que a este último colectivo o van facer unha dedución na declaración da renda por fillo cando “non teñen renda, polo que a dedución será cero”.
“SINTO VERGOÑA”
Beiras asegurou que sente “vergoña como galego” de que unhas institucións “logradas en decenios de decenios de loita da xente máis sa deste país e sempre das clases populares e a intellegentia da cultura” agora estean, dixo, “ocupadas por individuos desta calaña moral e deste nivel baixo cero intelectual”.
Como xa fixo noutras ocasións, o voceiro de AGE apelou á letra do Himno de Galicia (mais só os iñorantes/e féridos e duros/imbéciles e escuros/non nos entenden, non) para instar a Feijóo e aos seus a que se “vexan nun espello”.











