Atopan ao veciño desaparecido no Carballiño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO CarballiñoSucesos
A-
A+

Tras unha noite vagando polos montes do Carballiño, finalmente a Policía Local atopou ao veciño da vila que desaparecese a tarde noite do luns. Os feitos comezaron sobre as 21:00 horas deste luns 20 de outubro, cando a familia de AGF, de 76 anos de idade, alertou de que non regresara a casa.

Inmediatamente os efectivos da Policía Local, Protección Civil e Garda Civil iniciaron a súa procura, tendo como primeira opción a leira onde, segundo a familia, fora pola tarde.

Xunto cos axentes estiveron a coordinar a procura o alcalde do Carballiño e Boborás, así como o edil de seguridade do concello carballiñés. Cando chegaron á leira, que se atopa a uns quilómetros da casa familiar, atoparon o vehículo do desaparecido, sen sinais de accidente, co que iniciaron a procura a partir dese punto.

O operativo continuou até as 3 da madrugada, con reforzos da Garda Civil, cun can adestrado para a procura de persoas e Protección civil chegados desde Ourense, así como a Policía Local. Chegada esa hora decidiron parar a procura para renovala á primeira hora da mañá deste martes.

Sobre as 10:15 horas do martes a Policía Local daba a mellor das noticias, atoparan a A.G.F, en boas condicións, nunha das pistas que circulan cara á zona da Saleta. Segundo información os propios axentes, o veciño aseguraba que lla fixo de noite e despistouse por completo.

A pesar de atoparse ben os axentes trasladaron ao veciño ao Centro de Saúde, para realizarlle un recoñecemento médico.

Argimiro Marnotes agradeceu a todos os axentes de seguridade, tanto Garda Civil como Policía Local, así como aos membros de Protección Civil, o seu gran traballo e a profesionalidade mostrada neste operativo que tivo un final feliz.

21 de outubro de 2014 | 12:07 • Sen comentarios

Comentarios pechados.