As xuntanzas veciñais dos orzamentos participativos de San Sadurniño comezarán en novembro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O Concello está preparando os orzamentos municipais de 2015 e, igual que ocorreu nos últimos anos, busca a participación veciñal para definir cales son aqueles investimentos e actuacións que se van levar a cabo ao longo do ano que vén. Desta maneira hai convocadas xuntanzas nas sete parroquias de cara a que a xente achegue as súas propostas. O documento final coas prioridades redactarase na Mesa do orzamento participativo o día 2 de decembro. Quen queira implicarse en todo o proceso pode asistir ás asembleas veciñais ou ben facerlle chegar ao Concello as súas ideas e proxectos por medio da folla normalizada que se pode descargar algo máis abaixo.

As asembleas de participación veciñal están abertas a calquera persoa empadroada no concello ou que teña unha relación directa de tipo social, laboral ou empresarial con San Sadurniño. Nelas debaterase sobre distintos asuntos que lle afectan ao territorio e que precisan algún tipo de solución, como poden ser a xeración de emprego, o aproveitamento de recursos, a mellora de servizos municipais e da eficiencia económica…, etc. En definitiva, ideas e propostas que poden ser beneficiosas para toda a comunidade.

O espírito das asembleas non é unicamente saber as obras que que quere cada parroquia -aínda que tamén se poden propoñer- senón que se busca tomarlle o pulso ao territorio para coñecer con máis precisión cales son as súas necesidades. Así, das xuntanzas sairá unha relación de actuacións de todo tipo que se condensarán nun documento de acordo coa súa urxencia, a súa prioridade e, sobre todo, as posibilidades reais para sacalas adiante. 

Todas as reunións veciñais serán ás 20h. nos locais sociais de cada parroquia de acordo co seguinte calendario:

– Bardaos: luns 3 de novembro
– Ferreira: martes 4 de novembro no local social da Seara
– Igrexafeita: mércores 5 de novembro
– Camiño Arriba: xoves 6 de novembro
– San Sadurniño: venres 7 de novembro
– Naraío: luns 10 de novembro
– Santa Mariña: martes 11 de novembro
– Lamas: mércores 12 de novembro

Con todo, quen non poida asistir ás xuntanzas, tamén pode entregarlle aos representantes veciñais ou directamente ao Concello unha ficha cuberta coas súas propostas. Hai un modelo descargable en formato pdf que haberá que presentar no rexistro municipal, por correo postal ou por correo electrónico a través do enderezo correo@sansadurnino.dicoruna.es. 

A cuestión de que actuacións se levarán a cabo e con que prioridade decidirase na Mesa de participación veciñal, na que haberá representantes políticos, das asociacións e tamén persoas designadas nas asembleas de cada parroquia para defender as súas propostas. A mesa elaborará un documento final que estará dispoñible para consulta pública e que se empregará como guía para a elaboración e posterior execución do orzamento municipal de 2015. A Mesa de participación veciñal está convocada para o 2 de decembro ás 20 h. no salón de plenos do Concello.

Sexto ano de orzamento participativo

San Sadurniño implantou a participación veciñal na definición do orzamento no ano 2008. Porén, desde aquela houbo cambios de calado no proceso. O máis importante é que se suprimiu o límite orzamentario ao que debían axustarse as propostas. De feito, nos tres primeiros anos o Concello asignaba unha cantidade fixa para cada parroquia atendendo á súa poboación e extensión -arredor de 110.000 euros para as sete- sobre a que os veciños podían decidir. A eliminación deste límite permitiu ampliar o poder de decisión veciñal, xa que agora abrangue a práctica totalidade do orzamento municipal.

Os orzamentos participativos de San Sadurniño enmárcanse no Plan de acción da Axenda 21 local que promove, entre outros aspectos, o avance cara unha democracia participativa no ámbito municipal máis aló dos periodos electorais.

23 de outubro de 2014 | 11:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.