publicidade hoxe

As obras de mellora da travesía da pobra de San Xiao, en Láncara, son adxudicadas por 400.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLáncaraLugo
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas adxudicou hoxe por 398.907,15 euros as obras de mellora da travesía da Pobra de San Xiao, no Concello lucense de Láncara, licitadas o pasado mes de agosto.

A plataforma de contratación do Goberno galego fai público hoxe a adxudicación desta actuación, cuxo contrato se asinará nas vindeiras semanas coa empresa Construcións Isidro Otero, SL. As obras contarán cun prazo de seis meses polo que estarán finalizadas en 2015.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez salienta que grazas á execución desta actuación viaria acadarase unha travesía totalmente renovada, mais funcional para os habitantes de A Pobra de San Xiao e con redes de servizos axeitadas ás necesidades actuais.

A ocupación da obra non excede os actuais límites do dominio público da travesía, polo que non é necesario levar a cabo expropiación algunha.

Actuacións previstas

A obra ten por obxecto a mellora integral do treito comprendido entre os puntos quilométricos 0 e 0+600 da estrada LU-621, coñecido como rúa Valdriz, que discorre polo núcleo urbano de Láncara. Nel levarase a cabo a rehabilitación do firme da calzada, e a renovación das beirarrúas.

Para elo, procederase a demoler as beirarrúas existentes en ámbalas dúas marxes e á súa reposición, tras substituír os servizos urbanos que non presentan bo estado de conservación, e complementar e modernizar as redes de abastecemento, saneamento, recollida de pluviais e alumeado.

Renovación de servizos urbanos

En relación ao abastecemento, repoñerase a tubaxe existente na marxe esquerda da rúa entre os p.k.s 0 +100 e 0+ 300. Ademais, complementarase a rede coas acometidas domiciliarias a vivendas e parcelas precisas así coma con bocas de rego e incendios.

A rede de saneamento e recollida de pluviais tamén serán renovadas, substituíndo a tubaxe existente por outras de material plástico.
Finalmente, se contempla a reposición do servizo alumeado público, o que leva consigo a desmontaxe da liña e a retirada dos postes existentes, a colocación de novos puntos de luz.

31 de outubro de 2014 | 17:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.