publicidade hoxe

As obras de mellora do acceso á área termal de Laias dende a estrada N-120 finalizarán o vindeiro mes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCenlleLocal PortadaOurense
A-
A+
Visita ás obras en Cenlle

Visita ás obras en Cenlle

As obras de mellora do acceso á área termal de Laias, dende a estrada N-120, estarán finalizadas no vindeiro mes. Así o sinalou hoxe o director da Axencia Galega de Infraestruturas, (AXI) Francisco Menéndez, que acompañado polo alcalde de Cenlle, Gabriel Alén, supervisou os avances nestas actuacións.

As citadas obras desenvólvense ao longo dun treito de 470 metros da estrada local de acceso ao balneario de Laias dende a estrada N-120.

A obra execútase en base a un convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e o Concello de Cenlle o pasado mes de abril. A Administración autonómica comprometeuse a executar as obras e cofinancialas, aportando ata 150.000 euros (o que supón do 80 % do orzamento polo que se licitaron as obras), e o Concello de Cenlle achega 37.800 euros (o 20% restante).

Ao remate da actuación, o municipio ourensán será o responsable da conservación e mantemento, tal e como se recolle no convenio.

Características técnicas

Cómpre sinalar que o reducido ancho do espazo dispoñible foi determinante no deseño da obra que se está a executar, polo que se optou por unha calzada de 4 metros na que se permitirán os dous sentidos de circulación e a execución de sendas peonís de formigón e ancho variable.

A actuación ten como obxectivos mellorar o estado de conservación da estrada e acometer unha reordenación da sección transversal que permita habilitar espazos diferenciados para a circulación rodada e peonil, mellorando en consecuencia a seguridade viaria do conxunto dos usuarios.

A actuación complétase coa rehabilitación do firme, a mellora dos sistemas de drenaxe para a evacuación das augas pluviais da calzada, a colocación de canalizacións eléctricas e a reposición da sinalización.

Estas obras mellorarán a calidade de vida dos preto de 1.500 veciños de Cenlle e de todos os usuarios do balneario, moi próximo á capital ourensá.

Presupostos do Estado en Galicia

Por outra parte, Francisco Menéndez tamén valorou a achega do Estado á comunidade galega mediante os Presupostos Xerais para 2015. Neste sentido, indicou que “estes presupostos cobren en gran parte as necesidades en infraestruturas de Galicia, cuns investimentos previstos do Ministerio de Fomento que superan os 1.150 millóns de euros para a Comunidade Autónoma”.

Engadiu que “en relación ao ferrocarril, estes presupostos permitirán a finalización do Eixo Atlántico de Alta Velocidade, que se dota dunha partida orzamentaria de 133,5 millóns de euros, e avanzar decididamente na conexión de Galicia con Madrid”. Este supón a principal liña en canto a investimentos dos orzamentos 2015 cun global de 891,4 millóns de euros, dos que dúas terceiras partes (578 millóns) se destinan á provincia de Ourense, o que a converte na provincia de España con maior investimento en ferrocarril.

En materia de estradas, destacou “o avance en todos os eixos vertebradores de Galicia, con especial atención a que en 2015 estean en servizo ou en execución todos os tramos da autovía Santiago-Lugo (A-54)”. Tamén salientou “o avance na previsión de execución da autovía A-57, o feito que se retomen as obras da A-56, ou que definan xa de modo construtivo as A-76 e A-82”.

1 de outubro de 2014 | 17:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.