As melloras na rede de saneamento de Verín e polígono de Pazos solucionarán os problemas de desbordamentos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVerín
A-
A+

Co obxecto de mellorar a rede de saneamento e solucionar os actuais problemas de desbordamentos dos sumidoiros e sobrecargas hidráulicas na EDAR (Estación Depuradora de Augas Residuais), nas vindeiras semanas realizaranse obras de mellora desta rede, en Verín e polígono de Pazos, que contemplan a construción dun aliviadoiro cun depósito de retención para o control de pluviais e alivios incontrolados ao río Támega, ademais da mellora dos bombeos existentes, entre outras actuacións.

As mesmas foron presentadas esta mañá polo alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán, que recordou que “se trata dun proxecto importantísimo, polo que levamos loitando máis de dous anos e medio, desde o momento no que comezamos a ver, tras a última remodelación da rede de colectores da EDAR, que nos momentos de chuvias intensas os sumidoiros e tapas de rexistro non a asumían”, e engadiu que “Augas de Galicia realizou un estudo pormenorizado de toda a problemática destas redes, así como a que chega ao polígono de Pazos do Concello de Monterrei, co obxecto de solventar estas deficiencias cuxas actuacións anunciamos hoxe”.

O núcleo de Verín atópase nunha zona chaira, próxima ao río Támega, onde non existe pendente (só un 2%) e onde toda a rede de saneamento é unitaria, “como na maioría de poboación, onde a auga de chuvia e das redes fecais transcorren pola mesma rede”, subliñou. A pouca pendente que teñen os colectores e ramais da rede de saneamento e a súa disposición a través do núcleo fai que se produzan, en épocas de chuvias, continuos desbordamentos e saídas de augas por los pozos de rexistros, sumidoiros e acometidas en sotos de vivendas. Por este motivo, as actuacións que se van a realizar están dirixidas a solucionar estes problemas, presentes en varios puntos da actual rede de saneamento en Verín así como na zona do Polígono de Pazos e Queizás (onde tamén se producen sobrecargas hidráulicas e variacións das concentracións de contaminación que se xera na rede de sumidorios afectando a EDAR). Nesa zona proxéctase un depósito-aliviadoiro, tamén chamado tanque de tormentas, no punto baixo da conca para regular o caudal que se incorpora ao interceptor xeral que va cara a EDAR e tamén permita controlar os alivios ao río Támega, e se aplique un certo tratamento depurador para a contaminación asociada ao verquido sexa admisible no medio receptor. A misión deste depósito é: reducir os valores punta de caudal e contaminación que chegan a EDAR, minimizar os contaminantes que se verten ao río Támega a través de aliviadoiros (realizando a captura e almacenamento do primeiro lavado e dos arrastres) e redución do número de descargas do sistema unitario.

Ademais da proxección do depósito-aliviadeiro anterior, contémplanse a realización das seguintes actuacións:

-Substitución do sistema de bombeo actual no Polígono de Pazos, e modificación da impulsión, de tal modo que o verquido bombeado se conecte, unha vez cruzado o río Támega, directamente ao colector existente tras o bombeo de Queizás.

– Instalación cun contador en canal Parshall para medir os caudais verquidos polo municipio de Monterrei ao colector de Pazos.

– Melloras no sistema de bombeo de Queizás como a impulsión, para así conectala a nova arqueta de recepción de caudais bombeados anterior, así como a instalación dunha reixa de desbaste automática para mellorar a filtración.

“Todas estas actuacións permitirán cumprir as tres funcións esenciais do sistema de saneamento, protección ante inundacións, protección ambiental do medio receptor e protección sanitaria dos habitantes do núcleo de poboación”, subliñou o alcalde, “ademais de ir programando as futuras actuacións de mellora que son necesarias para facer na rede de drenaxe, como pode ser a implantación de varios depósitos de retención”. “Antes tiñamos problemas nas rúas Canella Cega e estrada de Cabreiroá que solucionamos coa construción de dúas redes separativas na zona onde vai a realizarse o novo acceso ao Centro das Artes, así como de dous colectores diferenciados, un para residuos e outro para agua, e deste modo non se producen os desbordamentos de fai uns anos”, destacou Jiménez Morán. Este proxecto de actuacións na rede de sumidoiros de Verín e Polígono de Pazos será subvencionado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (a través dos fondos FEDER) e conta cun orzamento de 838.796,61 euros. Con todo, o alcalde tamén anunciou que “técnicos da Confederación Hidrográfica do Douro están estudando a realización de novas actuacións como o cambio de colectores e ampliación da depuradora, tal e como foi plantexado na reunión mantida fai un mes co presidente da mesma, José Valín, e a conselleira Ethel Vázquez”. “Trátanse de colectores de formigón con unións, nas que tras repisar o chan, fíltrase a auga á depuradora, o que ocasiona que cando existe moita auga o sistema de depuración funcione peor”, indicou, “por este motivo nesta nova fase de actuacións se procedería á substitución de colectores por outros modernos e estancos, así como a ampliación da depuradora”.

Por outra banda, o alcalde de Verín anunciou a realización de novas infraestruturas no municipio, entre as que se atopan:

– Realización de novas beirarrúas na rúa Santiago Rodríguez. Terán unha amplitude de 1,6 metros e ramplas axeitadas para favorecer ao acceso ás persoas de mobilidade reducida. Na mesma rúa tamén se efectuará unha regulación dos aparcamentos para favorecer a circulación de vehículos e viandantes.

– Regulación de aparcamentos na rúa do Foxo para solucionar os problemas de circulación nesta rúa do centro histórico de Verín.

– Construción dun novo baño no centro social de Queizás, que permitirá que os/as usuarios/as do mesmo contar con este servizo no salón utilizado para as actividades sen ter que acudir á zona de bar.

– Proxecto de aforro enerxético na zona da estrada de Cabreiroá, Tamaguelos e Queizás. “Desde o ano 2011 ata o 2013 aforramos máis de 100.000 euros no consumo de factura da luz, pasando de 546.000 a 442.000 euros”, indicou o alcalde.

27 de outubro de 2014 | 19:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.