publicidade hoxe

As empresas do Barbanza infórmanse sobre os servizos e axudas para facilitar a súa internacionalización

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaBoiro
A-
A+
Encontro en Boiro

Encontro en Boiro

O Igape, en colaboración co Círculo de Empresarios de Galicia e coa Federación de Empresarios do Barbanza, organizou hoxe en Boiro un encontro de traballo con empresarios da zona co obxectivo de facilitarlles información directa sobre os instrumentos que a entidade adscrita á Consellería de Economía e Industria pon ao seu dispor para impulsar a saída de produtos ou servizos galegos cara mercados exteriores.

No encontro, no que participou a secretaria xeral do Igape, Covadonga Toca, presentaronse ademais as liñas xerais da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020, que a Xunta está a consensuar coas entidades e organismos empresariais e coa que se aspira a asegurar o progresivo incremento das exportacións ata superar os 23.000 millóns de euros en 2020.

Entre os instrumentos recollidos na Estratexia de Internacionalización do tecido empresarial galego destacan iniciativas como a xanela única para facilitar o acceso das empresas aos servizos e os apoios que precisen segundo a fase concreta de internacionalización na que se atopen.

Como vía para sacar o máximo partido dos recursos dispoñibles, destacouse a necesidade de optimizar a coordinación de esforzos con todas as organizacións de carácter empresarial que operan en Galicia no ámbito da internacionalización. Nesa liña, a Xunta aposta pola cooperación entre empresas mediante proxectos colectivos como os consorcios de exportación ou as iniciativas apoiadas no marco de programas como o Primex.

No encontro celebrado en Boiro participaron representantes das empresas A Poutada, Confecciones Hortensia ou Gaínza Consulting, entre outras. Participou igualmente o vicesecretario da Federación de Empresarios do Barbanza, Javier González.

A reunión forma parte do ciclo de xornadas técnicas sobre internacionalización promovidas polo Igape en colaboración co Circulo de Empresarios de Galicia e con diversas asociacións ou entidades empresariais comarcais, co obxectivo de facilitar a familiarización dos empresarios coas claves do comercio exterior e cos servizos e apoios públicos aos proxectos de internacionalización.

22 de outubro de 2014 | 12:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.