Apróbase por unanimidade o proxecto de construción da rolda leste de Pontevedra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraPontevedra
A-
A+

O Pleno da Deputación aprobou hoxe, por unanimidade, o proxecto de construción da rolda leste de Pontevedra, que representará un investimento de 1,5 millóns de euros. Ó mesmo tempo aprobouse a súa exposición pública e os expedientes de expropiacións, utilidade pública e urxente ocupación.

O presidente, Rafael Louzán, informou que a licitación da obra terá lugar a principios de 2015, unha vez transcorrido o período dun mes para a exposición pública e as alegacións.

A obra é froito dun convenio co Concello de Pontevedra, entidade encargada do aboar as expropiacións necesarias para realizar a obra, que non incluirán ningunha casa.

O traballo inclúe a construción da rolda leste de Pontevedra, que irá desde a estrada Ponte Bora-O Pino ata a PO-532, estrada Pontevedra-Ponte Caldelas, e inclúe o acceso a Montecelo e Príncipe.

As obras previstas afectan a 63 propietarios e será preciso expropiar 33.472 m2 de labradíos, 15 eucaliptais e solo non urbanizable común e rural.

A nova vía de circunvalación terá dous carrís de 3,5 m, beiravías de 1 m e unha senda peonil de 4 m; ó longo de 1 km construiranse 3 glorietas.

31 de outubro de 2014 | 18:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.