Apertura do prazo de preinscrición nas probas de acreditación de competencias dixitais en ofimática

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Unha das maneiras de acreditar que se teñen coñecementos en ofimática é a través do certificado CODIX ofrecido pola Xunta. Trátase un exame presencial que se pode preparar por libre ou botando man do material formativo dispoñible a través da rede CeMIT. Podemos solicitar desde hoxe mesmo a preinscrición na proba dándonos de alta na web cemit.xunta.es. A avaliación máis próxima será na aula de Narón o próximo 3 de decembro, aínda que alí só se ofrecen 15 prazas.

Tal e como sinala a orde publicada no DOG de onte, a cidadanía que desexe participar nesta convocatoria dispón de dúas opcións compatibles entre elas pero independentes unha da outra.

Por unha banda poden prepararse os contidos sen máis trámite que o de darse de alta como persoa usuaria da rede CeMIT. Por outra banda pode solicitar presentarse ás probas de avaliación presenciais para acreditar as capacidades, destrezas e coñecementos que dan dereito a obter o certificado de equivalencia regulado polo Decreto 218/2011, do 17 de novembro. Por tanto, o acceso aos contidos non implica a obriga de presentarse ás probas de avaliación, nin é tampouco un requisito para matricularse nelas. A pesar diso, só as persoas que se matriculen nestas probas de avaliación presencial e as superen teñen dereito á certificación de competencias dixitais en ofimática.

Polo tanto, de cara á obtención da certificación CODIX poderase formalizar a preinscrición desde aweb da rede CeMIT . Despois do prazo de 7 días naturais, publicarase a lista provisional de persoas admitidas a quen se lles comunicará que terán un prazo de 5 días naturais para efectuar o pagamento das taxas do dereito do exame.

A aula máis cercana para examinarse é a de Narón, onde a proba presencial está programada para o 3 de decembro a partir das 16h. Cómpre apurar, xa que nesa aula só hai dispoñibles 15 prazas e a aplicación da Xunta só permite solicitar a preinscrición nun único sitio. Outras posibilidades relativamente próximas son Ortigueira ou Pontedeume, onde as probas se realizarán simultaneamente o 1 de decembro ás 10 da mañá e cunha oferta de 10 prazas en cada centro.

31 de outubro de 2014 | 13:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.