Anxo Quintana abrirá os Almorzos On/Off de Santiago
O ex vicepresidente da Xunta de Galicia, Anxo Quintana, será o encargado de inaugurar os ‘Almorzos On/Off’ de Santiago de Compostela este xoves 23 de outubro. O almorzo celebrarase na Sala Belvís do hotel Virxe da Cerca (Rúa da Virxe da Cerca, 27).
A demarcación da Santiago do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), organiza este acto que dará comezo ás 11:00 horas co ‘OFF’ para colexiados, para dar paso despois ao ‘ON’, a rolda de prensa de libre acceso, ás 11:45. Os medios gráficos poderán tomar imaxes antes, durante, e tras o almorzo, e tamén durante a rolda de prensa.
A este encontro con Anxo Quintana que inauguran os almorzos On/Off na demarcación de Santiago de Compostela seguiranlle outros con diversos dirixentes de todas as formacións políticas.
Anxo Quintana
Anxo Manuel Quintana González naceu en Allariz o 25 de febreiro de 1959. Diplomado en Enfermaría pola Universidade de Vigo, colaborou desde ben novo no sindicalismo agrario nacionalista e no 1982 participou na fundación do BNG.
En 1989, tras unha revolta popular que expulsa da alcaldía de Allariz a Celestino Bouzas Canosa, de Alianza Popular, comeza a dirixir o concello, mantendo o cargo de alcalde até o ano 2000.
No 2002, é escollido Coordinador da Executiva Nacional do Bloque Nacionalista Galego, e Voceiro Nacional desde o 2003. Tras as eleccións ao Parlamento de Galiza do 2005, e a través do pacto entre BNG e PSdeG, asume a vicepresidencia da Xunta de Galicia, cargo que manterá toda a lexislatura.
No 2009, tras as seguintes eleccións, presenta a súa dimisión coma Voceiro Nacional do BNG, e dous anos máis tarde renunciaba ao seu escano no Parlamento e ao seu posto no Consello Nacional do BNG.
Almorzos ON/OFF
Os almorzos On/Off lévanse realizando desde febreiro de 2005, organizados polo CPXG en varias das súas demarcacións. Estes encontros cos xornalistas, que actualmente se realizan tamén na Coruña, pretenden fomentar o diálogo e a análise da actualidade cos seus protagonistas.
O CPXG, entidade de dereito público creada pola lei 2/1999 do Parlamento de Galicia, suma máis de 1.100 colexiados repartidos entre as sete demarcacións coas que conta. Entre os seus obxectivos figura en lugar destacado afondar na mellora das condicións nas que os xornalistas levan a cabo o seu traballo, a defensa profesional dos seus membros e a garantía de independencia e liberdade informativa en beneficio da sociedade galega.











