Ames adxudica varias obras do POS 2014 por valor de 86.375 euros
O Goberno municipal de Ames, reunido en Xunta de Goberno Local, vén de aprobar a adxudicación das obras de construción das beirarrúas e mellora do firme na calzada da rúa Xaquín Lorenzo, no Milladoiro, e as intervencións na Travesía do Pedregal e na Travesía Lodeiro, situadas en Bertamiráns. Estes traballos forman parte do Plan de Obras e Servizos da Deputación Provincial da Coruña correspondente ao exercicio 2014. Nestas actuacións, o Concello de Ames investirá un total de 86.375 euros. Estas obras súmanse a outras recollidas no POS 2014 que xa foron adxudicadas anteriormente.
O Concello de Ames executará ao longo deste ano varios proxectos que están sufragados con cargo ao Plan de Obras e Servizos da Deputación Provincial da Coruña. Con este obxectivo, o Goberno amiense, reunido en Xunta de Goberno Local, aprobou o inicio da contratación das obras para construír beirarrúas e mellorar o firme da calzada da rúa Xaquín Lorenzo, situada no Milladoiro, e para executar varias intervencións de mellora na Travesía do Pedregal e rúa Lodeiro, ambas as dúas situadas na localidade de Bertamiráns. Nestas obras o Concello de Ames investirá un total de 86.375 euros.
No proxecto que engloba a construción de beirarrúas e a mellora do firme da calzada da rúa Xaquín Lorenzo, no Milladoiro, vanse investir 39.731 euros. Neste caso preténdense construír 115,30 metros cadrados (20×2,00; 15×4,5 e 6×1,30 metros) de beirarrúa con bordo de formigón e baldosa de formigón vibrado sobre unha capa de quince centímetros de zahorra de canteira e dez de formigón.
Previamente á construción das beirarrúas haberá que realizar a canalización de 35 metros de tubería de PVC para o saneamento, recollida de augas de pluviais, canalización de auga potable, electricidade, comunicación e telefonía. Ademais, haberá que realizar a canalización de 43 metros de tubo polipropileno para a iluminación pública. Todo elo previa escavación dunha gabia e posterior recheo compactado da mesma.
Por outra banda, este proxecto recolle a mellora da capa de rodaxe da calzada da rúa dividida en dous treitos de 21×2,50 e 135×11,00 metros. No primeiro treito aplicaranse quince centímetros de grava, tratamento asfáltico semiprofundo e seis centímetros de aglomerado en quente, mentres que no segundo farase con cinco centímetros de aglomerado en quente, previa reparación de fochancas e perfilado de mordentes con grava e tratamento asfáltico semiprofundo. Finalmente, contémplase a instalación da sinalización horizontal co pintado de liñas en bordes e no eixo da rúa, así como o pintado de prazas de aparcamento, símbolos de cebreados e isletas. Tamén se colocará sinalización vertical.
Travesías do Pedregal e Lodeiro
A través deste proxecto vaise a repoñer un tramo de 262 metros cadrados de beirarrúa (150 metros cadrados na Travesía do Pedregal e 112×1,00 na rúa de Lodeiro) con bordo de formigón vibrado e sobre unha capa de formigón. Deste xeito, preténdese mellorar a capa de rodaxe da calzada destas dúas travesías naqueles treitos que presentan unha situación máis deficiente. Para elo aplicaranse cinco centímetros de aglomerado en quente.
Por último, colocarase a sinalización vertical e horizontal. Esta última inclúe o pintado de liñas en bordes, no eixo das calzadas, cebreados, isletas, así como o pintado de prazas de aparcamento na travesía do Pedregal. Tamén haberá que realizar dúas arquetas de 20×20 e levarase a cabo unha adaptación de 20 pozos e arquetas existentes á nova rasante. Neste proxecto investiranse 46.644 euros.











