Agaca organiza unha xornada na que analiza as vantaxes da colaboración cooperativa ante a nova PAC
O Seminario, que dará comezo ás 09:30 horas no hotel Eurostars San Lázaro de Santiago de Compostela, contará con cinco relatorios e unha mesa redonda a cargo de expertos nas novidades lexislativas e económicas que afectan ao sector agroalimentario galego e nacional. O acto oficial de inauguración, ás 12:30 horas, contará coas intervenciónsdo presidente de AGACA, José Severino Montes, e do director de Negocio Agroalimentario e Cooperativo de Cajamar, Roberto García, ademais dun un representante da Consellería de Traballo e Benestar pendente de confirmar.
A primeira intervención, sobre a aplicación da PAC 2015/2020 en Galicia e o seu impacto no futuro do sector agrario, correrá a cargo de Patricia Ulloa, directora xeral do Fondo de Garantía Agraria de Galicia (FOGGA).
Eduardo Baamonde, director Xeral de Cooperativas Agro-alimentarias de España, afondará nos beneficios que se poden agardar da aplicación da Lei de Integración de Cooperativas Agroalimentarias e nos proxectos que poden resultar vantaxosos para as entidades galegas.
Pola tarde, Agustín Herrero, subdirector de Cooperativas Agro-alimentarias, analizará as repercusións da Lei da Cadea de Valor nos socios das cooperativas e as claves para asegurar o cumprimento dos contratos no sector leiteiro .
Outros dos temas que se expoñerán son os apoios á colaboración entre cooperativas en materia de comercialización, innovación e internacionalización, a cargo de Xoan Miguel Concheiro, subdirector de Cooperativas e Economía Social da Consellería de Traballo e Benestar.Roberto García exporá a achega de valor na integración de entidades agroalimentarias.
A xornada pecharase cunha mesa redonda na que o conselleiro delegado de Acolat/Clesa, José Luis Antuña; o director xeral de Delagro, Carlos Castro, e o xerente de Aira, Daniel Ferrreiro, debaterán as bases económicas, sociais e organizativas precisas para acadar o éxito a través do proxecto deintegración de cooperativas.











