AFAL Ferrolterra promove unha nova edición do curso de coidador sociosanitario
Tras o éxito de participación rexistrado en convocatorias anteriores, AFAL Ferrolterra reeditará o próximo mes de novembro o seu Curso de Coidador Sociosanitario de Persoas Dependentes. Por iso, a partir do día 27 de outubro quedará aberto o prazo de inscrición. Segundo explicou a presidenta da entidade, Milagros Prieto, o obxectivo do mesmo é dotar aos coidadores da información, coñecementos e habilidades necesarias para desenvolver de forma eficaz o seu papel. Así mesmo, sinala que busca mellorar a autoestima dos coidadores principais e proporcionarlles información sobre recursos sociosanitarios.
Así, as persoas interesadas en anotarse nesta acción formativa poden facelo no Centro de Día da Rede Pública que AFAL xestiona na antiga Casa do Mar (Estrada Alta do Porto, s/n-Ferrol), ou solicitar máis información no teléfono 981 35 72 22. O prazo permanecerá aberto até o próximo 7 de novembro e o custo da actividade é de 30 euros para os socios da entidade e de 50 para os non socios. Prezo que, en ambos os casos, inclúe a participación nos dous módulos nos que se estrutura o curso. Organizado por AFAL Ferrolterra coa colaboración do Sergas, o curso estará impartido por un equipo multidisciplinar integrado por Silvia Loureiro (logopeda), Rita Touza (psicóloga), Alba Romero (educadora social), Noelia Ríos (terapeuta ocupacional), Jésica Garel (traballadora social), Jesús Vitoria (pedagogo) e Araceli Prieto (enfermeira).
De 30 horas de duración, está estruturado en dous módulos formativos entre o 10 e o 21 de novembro. Nun e outro caso, as clases desenvolveranse na sede da asociación, en horario de tarde (de 16 a 19 horas). No mesmo trataranse temas como os coidados que precisa a persoa dependente ou o propio coidador, así como as claves para mellorar a calidade de vida nun e outro caso. Por último, sinalar que o Sergas declaraba este curso de AFAL de interese sociosanitario, de tal modo que a acción formativa puntúa de cara á obtención do certificado de profesionalidade. Ademais, está acreditado pola Sociedade Galega de Gerontoloxía e Xeriatría. As prazas son limitadas.











