Aemos pon en marcha sete novas accións formativas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

A Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS) impartirá ao longo dos dous próximos meses un total de sete novas accións formativas de diversa índole dirixidas a traballadores de empresas. Desta maneira, en novembro e decembro, o CDL de Mos acollerá, en horario de tarde, cursos de operador de carretillas elevadoras, operador de plataformas elevadoras móbiles de persoal, prevención de riscos laborais na construción e no metal, potenciación de equipos comerciais, habilidades directivas para pemes, autocad e neumática básica.

As accións formativas planificadas pódense bonificar ante a Fundación Tripartita para a Formación no Emprego. Desta maneira, AEMOS fará a correspondente tramitación ás empresas que así llo soliciten. As persoas interesadas en participar nestes cursos ou ampliar información deberán contactar co departamento de formación da asociación chamando ao teléfono 986 49 88 20 ou enviando un correo electrónico a formacion@aemos.es

A continuación se desglosa cada unha das accións formativas que se impartirán:

– Operador de Carretillas Elevadoras (UNE 58451:2012). Curso Homologado na Norma UNE por Bureau Veritas. 24 horas, 16 horas ou 8 horas atendendo á formación e á experiencia previa dos operadores. Dirixido a traballadores vinculados á área de loxística e á xestión de mercadorías en almacén.

– Operador de Plataformas Elevadoras móbiles de persoal. 8 horas presenciais e 8 a distancia. O obxectivo é dotar das competencias para a condución, uso e manexo seguro aos operadores de Plataformas Elevadoras Móbiles de Persoal (PEMP), que a utilizan como ferramenta de traballo e non teñen responsabilidade sobre o seu mantemento.

– Nivel Básico de Prevención de Riscos Laborais na construción e no metal. Curso homologado pola Fundación Laboral da Construción e o Metal. 60 horas (20 presenciais e 40 a distancia), dirixido a traballadores do sector do metal ou construción. O obxectivo xeral é capacitar ao traballador para o desempeño de varias funcións no ámbito da prevención.

– Powerselling: potenciación de equipos comerciais. 20 horas, dirixido ao departamento comercial da empresa co obxectivo de aumentar o rendemento profesional dos responsables do departamento de vendas, desenvolvendo as súas competencias técnicas, mellorando as súas habilidades e destrezas para realizar xestións de venda o máis eficiente e profesionais posibles.

– Habilidades directivas para pemes.15 horas presenciais e 15 horas a distancia. Dirixido a mandos intermedios cuxo obxectivo se centra na adquisición de coñecementos e habilidades necesarias para o exercicio da acción directiva.

– Autocad. 25 horas, dirixido a traballadores relacionados co sector da enxeñaría, en especial oficinas técnicas, e en xeral a calquera traballador cuxas labores a desempeñar esixan a creación e edición de planos ou pezas. O obxectivo é aprender a utilizar o programa informático Autocad, as súas ferramentas e funcións.

– Neumática básica. 20 horas, dirixido a operarios de mantemento coa finalidade de ensinarlles a describir o sistema pneumático e de correntes débiles, os seus compoñentes e facilitar a lectura dos planos pneumáticos definindo a súa simboloxía para logo establecer técnicas de mantemento.

27 de outubro de 2014 | 20:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.