Aemos consegue a autorización para ser axencia de colocación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

A Asociación de Empresarios de Mos (AEMOS) recibiu recentemente a resolución de autorización de axencia de colocación. A entidade dá así un paso máis nos obxectivos marcados no seu apartado máis social e consegue que o Ministerio de Emprego e Seguridade Social lle outorgue un código para operar como tal.

A actividade realizada é exclusivamente a través de medios electrónicos xa que a concesión é de axencia virtual. Desta maneira, AEMOS presta xa os seus servizos centrados en vincular ofertas e demandas de emprego, ademais de desenvolver outras accións relacionadas coa procura activa de emprego, como poden ser sesións de orientación e asesoramento.

Esta nova ferramenta de intermediación laboral vai máis aló do ámbito local, e é que o feito de ser unha axencia virtual fai que poida operar en todo o territorio nacional. Neste sentido, veciños de Mos poden beneficiarse de ofertas chegadas doutras comunidades autónomas e, viceversa, as empresas da localidade, entre elas as propias asociadas de AEMOS, terán un abanico máis amplo de posibles candidatos que respondan a un determinado perfil.

Prospección de mercado

A Asociación de Empresarios de Mos está a realizar, con esta e outras actuacións, unha continua prospección de mercado. “Desde AEMOS estamos a analizar continuamente o mercado”, subliña o seu xerente, Francisco Domínguez. En referencia ás empresas que teñen pensado instalarse na comarca, desde AEMOS explican que as identificamos, contactamos cos seus departamentos de Recursos Humanos e ofrecémonos para axudarlles a realizar os seus procesos de selección, ao obxecto de que elas nos confiran un papel activo no recrutamento, filtrado de candidaturas e promoción de persoas axustadas aos perfís requiridos. É dicir, o que buscamos é achegar a Mos o maior número de oportunidades de emprego. Por iso, ser un verdadeiro axente proactivo de dinamización de emprego é un dos nosos maiores retos, dando solución paulatina ás necesidades de persoal dos nosos asociados, os cales coñecemos cada vez mellor, en referencia aos perfís profesionais que poidan chegar a requirir”.

A xestión en materia de emprego que AEMOS realiza reflíctese nos resultados obtidos, os cales son recoñecidos ano a ano pola Xunta de Galicia á hora da concesión de diversos programas, como o é o último “Insere 5”, actualmente en execución e que foi novamente cualificado como un dos mellores de Galicia.

31 de outubro de 2014 | 18:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.