Adestramento aberto ao público da Selección Española de Balonmán no Gatañal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportes
A-
A+

O partido España-Austria, clasificatorio para o Campionato de Europa de Balonmán Polonia 2016, xa é unha realidade. Os participantes comezan a chegar a Galicia e estanse pechando os últimos detalles deste encontro, no que os afeccionados galegos terán a posibilidade de gozar co xogo da actual campioa do mundo. Austria chega hoxe ao aeroporto de Peinador (Vigo) ás oito da tarde e permanecerá hospedada estes días no hotel Posadas de España– Ensenada. Para o luns teñen dobre sesión de adestramento (10:00 e 20:00 horas).

Pola súa banda, a selección española chegará a Cangas mañá (para a comida). E chega con novidades na convocatoria. Caeron da lista Alex Dujshebaev e Chema Rodríguez por lesión, mentres que se incorporan Eduardo Gurbindo e Carlos Ruesga. A convocatoria, por tanto, está formada por Arpad Sterbik (Vardar) e Gonzalo Pérez de Vargas (Fútbol Club Barcelona) en portaría; Carlos Ruesga (MKB Veszprém) e Raúl Entrerríos (Fútbol Club Barcelona) de centrais; Eduardo Gurbindo (Fútbol Club Barcelona) e Jorge Maqueda (HBC Nantes) no lateral dereito; Joan Cañellas (THW Kiel), Mikel Aguirrezabalaga (Abanca Ademar) e Viran Morros (Fútbol Club Barcelona) no lateral esquerdo; Albert Rocas (Naturhouse La Rioja) e Víctor Tomás (Fútbol Club Barcelona) no extremo dereito; Cristian Ugalde (MKB Veszprém) e Valero Rivera (HBC Nantes) no extremo esquerdo; Gedeón Guardiola (Rhein-Neckar Löwen), Juan Andreu (TSV Hannover-Burgodorf) e Julen Aginagalde (Vive Targi Kielce) de pivotes.

Adestramentos

Todos os clubs e escolas de balonmán están convidadas a asistir ao adestramento da selección española de balonmán, que se celebrará o luns 27 (18:00 horas) no pavillón municipal de O Gatañal. Será unha sesión de traballo aberta ao público e que ademais será gravada pola televisión Al Jazeera, para a realización de vídeos promocionais do mundial de Qatar. A Federación Galega de Balonmán enviou un comunicado a todos os clubs galegos convidándolles a participar neste adestramento e solicitando confirmación de asistencia. Así mesmo, para os clubs da provincia, haberá autobuses con saída desde diferentes puntos (Porriño, Redondela e Pontevedra).

Venda de localidades

As entradas para o partido pódense adquirir desde hoxe na páxina web do BM Cangas (www.balonmancangas.com) ao prezo de 13 euros e sen custo algún de emisión. Ademais a partir do luns tamén poderán comprarse as localidades nos despachos de billetes ao mesmo custo, mentres que o día do partido o prezo será de 15 euros. Así mesmo establécese unha entrada para persoas menores de 20 anos, que terá un custo de 7 euros (venda anticipada) e 9 (despachos de billetes, o día do encontro).

26 de outubro de 2014 | 12:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.