Ábrese un novo periodo para poxar polas vivendas de Naraío e Bardaos
O BOP e o Perfil de contratante do Concello publican a apertura dun novo procedemento para poxar polas antigas escolas de Naraío e Bardaos rehabilitadas agora como vivendas. O prazo para achegar propostas económicas remata o 26 de novembro de 2014 ás 14.00h. O único criterio para adxudicar as vivendas será o prezo, aínda que hai certos requisitos recollidos nas bases que serán de obrigado cumprimento, como por exemplo os referidos ao empadroamento ou o de non ter en propiedade ningunha outra casa situada no territorio municipal. A vivenda de Naraío sae a poxa por un prezo base de licitación de 77.552 euros, mentres que a de Bardaos ten un prezo de saída de 75.248,80 euros.
O sistema de venda rexerase exclusivamente polo criterio do prezo máis alto. As persoas interesadas en adquirir algunha das dúas vivendas deberán presentar a súa oferta económica na folla normalizada incluída nos pregos que se poden descargar desde o Perfil de Contratante, ademais de achegar noutro sobre á parte a documentación administrativa requirida.
Para optar á poxa será imprescindible que a persoa estea empadroada en San Sadurniño antes do remate do prazo de presentación das propostas. Outro requisito é que non pode ser titular de ningunha vivenda no termo municipal de San Sadurniño con referenza á data de aprobación dos pregos por parte da Xunta de Goberno Local.
Poderase optar á compra de calquera das dúas vivendas e incluso ás dúas. Porén, se unha persoa resultase ser a máxima postora para as dúas casas, debería elixir con cal quere quedar xa que só poderá mercar unha mentres que a outra se lle adxudicaría á seguinte proposta máis alta. No caso de que houbese un empate entre ofertas terá prioridade a persoa que resida na mesma parroquia onde estea o inmoble.
Unha vez adxudicada, quen merque a casa deberá comprometerse a destinala ao seu uso como vivenda habitual durante un mínimo de cinco anos. Nese tempo tampouco poderá vendela. Se non cumprise, o Concello iniciaría o procedemento de reversión para recuperar a propiedade.
Os dous inmobles en venda erguéronse sobre a base de dúas escolas unitarias que requirían unha intervención urxente. Foi entón cando o equipo de goberno decidiu rehabilitalas para convertelas en vivendas que tivesen un prezo asequible e que, ademais, xerasen emprego durante o proceso de reconstrución. De feito os traballos -que comezaron en abril de 2013- déronlle emprego directo a 4 persoas durante medio ano. Outro obxectivo desta actuación concibida como unha experiencia piloto é o de contribuír a fixar poboación no medio rural. Se todo sae como está previsto o Concello recuperaría o investimento efectuado e o valor da terra para continuar a experiencia noutras antigas escolas en desuso, como a de Igrexafeita ou Silvalonga, que tamén se converterían en vivendas.
Como son as casas?
A vivenda de Naraío está situada no lugar do Eirexado e ten 72 metros cadrados en planta baixa. Está asentada nunha finca pechada de 425 metros na que, ademais, hai espazo para xardín e un garaxe con capacidade sobrada para dous vehículos. No interior leva sitio para a cociña, un cuarto de baño xa equipado, dúas habitacións con posibilidade de baldas ou armarios empotrados e un grande salón orientado ao sur cunha zona acristalada que caldea a casa tan só cunha raiola.
A de Bardaos está situada no número 17 do lugar das Loibas e ten dous andares que suman 128 metros cadrados. No interior ten unha grande sala para cociña-comedor, un aseo e unha despensa que comunica coa zona da horta -a casa ten 560 metros cadrados de finca-. No primeiro andar hai dúas habitacións e un amplo cuarto de baño.
Calquera persoa que estea interesada en adquirir algunha das casas pode ir velas tanto por dentro como por fóra. Só ten que chamar ao Concello en horario de mañá -981 490 027- e concertar unha visita. Porén, para facerse unha idea da situación e de como están repartidas, o Concello preparou dous mapas de Google Maps con información completa sobre os inmobles e cadansúa galería fotográfica, á que se accede picando no icono de cada unha das vivendas.











