Ábrese o prazo para presentar candidaturas aos Premios á Comunicación Innovadora de Galicia
No marco do 2º Foro da Comunicación de Galicia, que se celebrará o vindeiro 20 de novembro, Expourense convoca a II edición dos “Premios á Comunicación Innovadora de Galicia” que xorden co obxectivo de recoñecer publicamente iniciativas profesionais e empresariais que tiveran destacado por revalorizar o campo da comunicación, fomentando con elo o desenvolvemento socioeconómico da comunidade galega. Queda aberto o prazo de presentación de candidaturas que rematará o vindeiro 11 de novembro.
As categorías que concorren son as seguintes:
– Premio a Estratexia de Comunicación Empresarial desenvolta por unha PEME ou por entidades que agrupen a PEMES e empresas destas características.
– Premio á aplicación da Comunicación Dixital no sector xornalístico.
– Premio á Iniciativa Emprendedora no eido da comunicación.
– Distinción especial “Novos Talentos” no sector da comunicación.
Poderán optar a estes premios os profesionais e as pequenas e medianas empresas que desenvolvan o seu traballo no territorio da Comunidade Autónoma galega e tiveran realizado un labor destacado no eido da comunicación (xa sexa de ámbito empresarial ou xornalístico). A distinción especial para Novos Talentos está aberta de maneira especial a estudantes das universidades e escolas profesionais relacionadas coa comunicación social ou corporativa.
Para participar nos presentes premios, pódense consultar as bases e os criterios de avaliación en www.expourense.org e deberán enviar as súas candidaturas a través do correo postal ou electrónico (Finca Sevilla s/n, 32005 Ourense/ rrpp@expourense.org / expourense@expourense.org) ou entregalas de maneira persoal nas instalacións de Expourense.
Comité Asesor
As bases desta 2ª edición dos Premios foron aprobadas durante a última reunión do comité asesor do Foro da Comunicación de Galicia que tivo lugar na Facultade de Ciencias da Comunicación en Santiago de Compostela. Este comité integra ásFacultades relacionadas coa Comunicación das tres universidades galegas, a APG (Asociación de Xornalistas de Galicia), MARKEA (Asociación Galega de Marketing), DIRCOM Galicia (Asociación de Directivos de Comunicación de Galicia), Creatividade Galega, entre outras autoridades.
Novas tecnoloxías e formatos de comunicación
Nesta segunda edición, o Foro indagará na versión máis actual da comunicación a través de exposicións de casos reais de éxito de empresas e emprendedores, debates e workshops centrados nas actuais tendencias como poden ser os novos perfís profesionais que xorden no ámbito da comunicación e o marketing, o trato da violencia de xénero nos medios, a situación laboral dos xornalistas nas administracións públicas ou o uso de galego. Así mesmo, realizaranse diferentes obradoiros vencellados á elaboración de plans de marketing e de comunicación.
De forma complementaria ao programa de conferencias e debates, existirá unha área expositiva onde estarán representados os sectores da publicidade, colexios oficiais, asociacións de prensa e periodistas, academias de audiovisuais, clústers, medios de comunicación (prensa, radio, televisión), axencias consultoras de comunicación, communitymanagers e as universidades galegas.
A asistencia ó Foro da Comunicación de Galicia será mediante convite a través das entidades colaboradoras ou con inscrición previa a través de www.expourense.org. Nesta web tamén poderá descargarse o bono desconto do 35% para aqueles que acudan a Ourense en tren.











